Abrente gaña o reto Impulsa Vigo convocado pola axencia Esterea
venres, 27 de marzo do 2026
O proxecto Abrente, centrado en crear sinerxías entre modelos, marcas, deseñadores, fotógrafos e artistas galegos foi o vencedor do reto Impulsa Vigo, organizado pola axencia viguesa Esterea, co fin de apoiar un proxecto innovador con sede nesta cidade para que poida dar o salto á contorna dixital.
Adrián Fernández, voceira de Abrente afirmou durante o acto de entrega do premio que “nun momento no que moito compañeiros da nosa xeración buscan irse a Madrid, a grandes capitais ou ao estranxeiro, o noso proxecto quere demostrar que aquí, en Galicia, hai moito talento e que merece a pena apostar por retelo”.
Esterea destacou da iniciativa “a súa capacidade de colaboración entre os profesionais do mundo da moda para construír unha marca con propósito que mostra a fortaleza da moda galega e a súa contorna”.
A axencia viguesa Esterea decidiu organizar este reto con motivo do seu 15 aniversario, e aproveitou ademais para celebrar unha xornada que reuniu no museo MARCO de Vigo a algúns dos máis destacados profesionais da mercadotecnia, a empresa e o emprendemento local.
No evento participaron Jorge Pallarés, ex-CMO de Pizza Móbil e Martín Códax, nunha charla que compartiu con Betty Lepina, directora de datos de Coosy, na que resaltaron que “os directores executivos das empresas deben entender a importancia do profesional do marketing e buscar o valor diferencial das marcas” así como “humanizar a marca e a súa coherencia no tempo”.
Tamén participou no evento José Iglesias, co-fundador de Hawkings Education, que avogou por mellorar a relación entre profesor e alumno, ofrecer unha atención máis personalizada e dispoñer de informes que permitan un seguimento e unha avaliación máis eficaces.
Pola súa banda, Luis Álvarez Sestelo, director executivo (CEO) e co-fundador de Optare Solutions, indicou que “nós levamos na empresa máis de cinco anos aplicando a intelixencia artificial á xestión dos recursos humanos permitíndonos gañar tempo para centrar a atención no que realmente achega valor á compañía”.
Sobre este mesmo asunto Roberto Rodríguez, CEO de Dathum, engadiu que “o mercado vive un momento de cambio e a IA ben aplicada vai facer traballar máis, non menos. A un mozo que queira incorporarse ao mercado laboral diríalle que potencie a súa curiosidade e a súa enerxía. A IA dános superpoderes, pero hai que reforzar a capacidade cognitiva, saber facer as preguntas correctas e, para iso, hai que volver ás humanidades e á filosofía”.
Pola súa banda, Amil López, de Dieta Coherente e Farmaciavieitez.com, e Vanesa Rivas, de Festigaleiros.com, referentes en proxectos dixitais desde Galicia recalcaron na xornada a importancia de construír proxectos con propósito e empuxe.
