Ábrese a inscrición á xornada sobre ciberseguridade no tecido empresarial

luns, 2 de xuño do 2025 Redacción

O Nodo CIBER.gal, iniciativa promovida pola Xunta de Galicia, celebrará o vindeiro 11 de xuño a xornada Galicia cibersegura: protexendo o Tecido Empresarial, estando xa aberta a inscrición a esta actividade. Terá lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), en San Cibrao das Viñas, como actividade previa ao Encontro CIBER.gal, que chegará á súa quinta edición no mes de novembro.
A organización da xornada conta coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) e das entidades adheridas ao Nodo vinculadas ao ecosistema galego de ciberseguridade.
A xornada está especialmente dirixida ao ámbito empresarial e industrial, centrando o seu contido en temas de actualidade como a nova normativa en ciberseguridade, os retos do sector industrial, as oportunidades de financiamento e a prevención fronte á ciberdelincuencia. Ademais, incluirá unha sesión específica sobre a seguridade nos vehículos conectados e un espazo para networking cunha pausa para o café.

Programa da xornada

O evento abrirase co relatorio NIS2: Como saber se a túa empresa está preparada para as novas obrigacións en ciberseguridade?, a cargo de Roberto Barata, presidente do ISMS Forum. A continuación, terá lugar o panel A seguridade dixital no tecido industrial ourensán, coa participación de Benjamín Pérez (Aceites Abril) e Pablo Aranda (Roberto Verino).
Xa na segunda metade da xornada, o sarxento primeiro da Garda Civil Antonio Vázquez falará sobre a Evolución e impacto da ciberdelincuencia no tecido empresarial de Ourense, mentres que Héctor Laíz, do INCIBE, presentará as Oportunidades de financiamento para mellorar a ciberseguridade das empresas. O evento rematará co panel Como blindar a túa empresa fronte ao desafío da ciberseguridade?, no que intervirán Manuel Santamaría (Tarlogic), Efrén Varón (DLTCode) e Paz Cariñena (dooingIT), seguido do relatorio de Azucena Hernández (EUROCYBCAR) sobre A ciberseguridade no vehículo conectado.