Ábrese o VI Foro Tecnolóxico falando da transformación dixital da Xunta e da súa aposta pola ciberseguridade

mércores, 25 de marzo do 2026 S. P.

O proceso de transformación dixital promovido pola Xunta de Galician está baseado na ciberseguridade, así o sinalaba o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Damián Rey, durante a apertura do VI Foro Tecnolóxico, celebrado en Santiago de Compostela.
Asemade, o responsable da Axencia autonómica afirmaba que “a especialización e a colaboración son factores clave na estratexia da Xunta para facer fronte aos retos da ciberseguridade”.
Seguindo esta liña, lembrou que que a Administración autonómica foi a primeira en crear unha estrutura de colaboración publico-privada neste eido, o Nodo Ciber.gal, ao que están adheridas máis de medio cento de entidades.
Amais, Damián Rey afirmou que “a Xunta facilita aos concellos o acceso a servizos de ciberseguridade que en 2025 permitiron que 113 entidades locais puideran ter monitorizadas as súas redes para identificar e cualificar riscos”.
Para rematar, o director da AMTEGA salientou tamén a aposta estratéxica da Xunta pola especialización tecnolóxica do territorio, tamén no ámbito da ciberseguridade. Engadiu que “dende a Administración, traballamos para dispoñer das mellores contornas para esa especialización, como o Centro de Excelencia en Ciberseguridade que estamos a construír en Ourense, ou atraendo á Comunidade proxectos singulares, como o que compartimos con Cataluña e a Comunidade Valenciana para a creación dun centro de innovación e competencia en ciberseguridade”.
Damián Rey pechou a súa intervención poñendo en valor a importancia e capacidade do sector tecnolóxico galego con 750 empresas que achegan produtos e servizos de ciberseguridade.