Academia Postal ofrece formación TIC de balde para traballadores en activo

luns, 2 de maio do 2011 Raquel Noya

Os traballadores e traballadoras dos sectores da administración e da xestión empresarial que desexen ampliar os seus coñecementos en materia de novas tecnoloxías para poder así mellorar o seu futuro laboral, teñen a oportunidade de facelo totalmente de balde grazas a uns cursos subvencionados 100 por cen pola Xunta e o Fondo Social Europeo, que se celebrarán na Academia Postal.
Os cursos formativos están organizados polas asociacións INEO, AEAGG, ASEMI e OAP e van dirixidos aos traballadores en réxime xeral e autónomos que teñan interese en formarse naqueles eidos que complementan a súa actividade laboral diaria, tendo a garantía de que están avalados coa formación de calidade que ofrece Academia Postal.
Entre todos os cursos presenciais, semipresenciais e a distancia que estas entidades ofrecen, en Código Cero destacamos pola súa temática os de Optimización de capas e canles en Photoshop, que se celebrará en Santiago de Compostela, e o de Programación en Java, de CCNA Security (Seguridade Cisco), de MCITP Server Administrator 2008 e de Composición dístila After Effects, a celebrar en Academia Postal 3 de Vigo.
Por outra banda, a fin de formar tamén ás persoas que non se poden desprazar ata os centros de ensino, Academia Postal ofrece accións formativas e-learning das temáticas que seguen a continuación: Experto en Microsoft Office, Comunicación non verbal e Creación de empresas, entre outros.
As persoas interesadas en realizar a súa solicitude de praza deben facelo contactando con Academia Postal no teléfono 986 124 557 e achegando o seu nome, teléfono de contacto e DNI.

PUBLICIDADE