Acéptanse ofertas pola casa do clip vermello

xoves, 19 de xuño do 2008 Marcus Fernández

A casa coa que se fixo Kyle MacDonald a cambio dun clip vermello

Hai un par de anos Kyle MacDonald tivo a xenial idea de realizar unha serie de trocos partindo dun clip vermello coa intención de facerse cunha casa, o que acadou moita repercusión mediática e rematou con éxito (tras 14 cambios), polo agora ten unha casa de campo amoblada en Saskatchewan (Canadá) e agora volve á actualidade porque quere desfacerse deste domicilio, xa que el e a súa dona, Dominique Dupuis, apenas poden pasar tempo nel, ao traballar en Montreal.
A intención actual de MacDonald é intercambiar a casa por un local no que poder montar un negocio, así como manter a popular casa do clip vermello como lugar turístico, xa que é un dos lugares máis coñecidos da súa vila.
Aceptaranse ofertas ata o 11 de xullo, e polo momento xa ten unha: un clip vermello.