Acordan a constitución da Sociedade do Investimento

xoves, 21 de xuño do 2007 Marcus Fernández

Imaxe da xuntanza da FGSC

Onte, o titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou a vindeira constitución da Sociedade de Investimento trala xuntanza do Padroado da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento (FGSC), onde se deu o visto bo á creación deste organismo que contará cun fondo mínimo inicial de 100 millóns de euros.
A Sociedade de Investimento nace co obxectivo primordial de “avaliar proxectos, darlle selo de calidade e apostar por eles” segundo o presidente da Xunta, quen tamén engadiu que o organismo estará constituído “antes do mes de agosto” estando operativo “neste mesmo ano”.
Os fondos deste novo organismo achegaranos as 3 entidades financeiras de referencia en Galicia, así como empresarios ligados á FGSC, de xeito que os proxectos máis interesantes poderán contar coa axuda financeira para a súa posta en marcha, o que traduciría nun beneficio futuro para a economía galega.

Deseño conceptual dos potencial satélite galego (realizado a xeito de broma no blog Lucensismo e outros males)

¿Un satélite galego?
O máis rechamante do tratado na xuntanza do Padroado da FGSC foi a aprobación da realización dun estudo de viabilidade para a implantación e lanzamento dun satélite dixital en Galicia promovido pola Fundación. Sería “un satélite dixital en cota baixa que tería a función de ampliar, garantir e mellorar todo o espectro de manexo das telecomunicacións e dos sinais en todo o ámbito de telecomunicacións”, ou sexa, que suporía un importante avance en infraestruturas e podería axudar á superación da fenda dixital, aínda que hai que recoñecer que se trata dun proxecto demasiado ambicioso que, de feito, xa deu lugar a comentarios satíricos que suxerían que o dispositivo en órbita baixa podería tratarse do Satélite Xabarín (en referencia á canción de La Marabunta para o Xabarín Club).
A AGN tamén achegou un vídeo no que se puido ver o anuncio do estudo de viabilidade:

Agrupación de Empresas Innovadoras
Pero xa cos pés na terra, a FGSC coñeceu un informe presentado por Javier Riera sobre o impulso das medidas de competitividade empresarial derivadas dunha mellor cooperación e integración económica, ó que Pérez Touriño engadiu que dende a Xunta están a traballar na “creación de agrupacións empresariais” e na constitución de novos clusters e novas plataformas tecnolóxicas como se constata coa creación da Asociación de Empresas Innovadoras “no que é xestión de residuos e enerxías renovables”.