Actívase o grupo de traballo para crear contidos innovadores ao abeiro de Abalar

luns, 28 de xaneiro do 2019 Redacción

A iniciativa E-Dixgal do Proxecto Abalar prosegue coa chegada de 2019 desenvolvendo as liñas de actuación marcadas o curso anterior para estender a educación integramente dixital en Galicia. Entre as iniciativas programadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Consellería de Educación atópase a creación de contidos educativos dixitais innovadores coa implicación do profesorado e os sectores TIC e audiovisual.
Nesta recta final de xaneiro vén de ficar conformado o grupo de traballo de traballo que desenvolverá a iniciativa. A xuntanza levouse a cabo na Cidade da Cultura e nela participaron a directora da AMTEGA, Mar Pereira, o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do profesorado, Iván Mira, o director xeral da empresa Everis de Asturias e Galicia, Jesús Lage, e o director xeral de R en Galicia, Alfredo Ramos, xunto cunha decena de profesores de diferentes materias e centros educativos galegos para realizar, en palabras de AMTEGA, “unha primeira aproximación de necesidades, liñas de traballo e obxectivos no medio prazo”. Segundo engadiu a axencia, est equipo multidisciplinar abordará “a xeración de contidos dixitais aproveitando as capacidades técnicas e innovadores dos sectores tecnolóxico e audiovisual de Galicia, e os coñecementos pedagóxicos do profesorado galego así como as súas necesidades”. Desta maneira, o profesorado realizará a proposta de contidos (materia, curso, unidade didáctica e metodoloxía pedagóxica), e definirá os obxectivos, competencias, esquemas e materiais adicionais. Sobre esta base as empresas TIC e do audiovisual implicadas elaborarán recursos aplicando as tecnoloxías máis innovadoras: realidade aumentada, realidade virtual, simulación, gamificación, intelixencia artificial, aprendizaxe personalizada e adaptativa...
A axencia que dirixe Mar Pereira sinala que a previsión é que antes de que remate este curso o propio profesorado do grupo de traballo empregue os contidos na aula para comprobar o seu valor pedagóxico e a súa validez no proceso de ensinanza-aprendizaxe dos centros educativos de Galicia. Unha vez validados, os contidos serán distribuídos a toda a comunidade educativa galega a través das plataformas do Proxecto Abalar.

Recursos multimedia e actividades interactivas

Ademais das 750 unidades didácticas de 45 materias dos provedores Netex Learning e Edebé, e os máis de 3.200 contidos dixitais creados polos propios docentes, e integrados xa na plataforma do libro dixital dende o comezo do proxecto, neste curso sumáronse as unidades, os recursos complementarios e o acceso ao banco de contidos da Editorial Planeta, e os contidos educativos (Dixital Book, libro do alumnado incluíndo os recursos multimedia e as actividades interactivas, e Activities, as actividades interactivas e complementarias ás actividades do libro do alumnado) de Inglés da Editorial Pearson. Adicionalmente puxéronse en marchas novos contidos dixitais personalizados (Smart) do provedor Netex Learning.
AMTEGA lembra que o uso destes novos contidos, tanto dos novos subministradores incorporados, como dos contidos Smart, xa alcanza a un 35% dos usuarios do proxecto.

Suba dun 84% no uso da plataforma dixital

O curso pasado iniciouse a integración progresiva dun paquete de melloras para seguir estendendo a educación dixital a máis centros. Tras unha serie de importantes impulsos nos dous primeiros meses do curso actual (renovación de equipamento, incorporación dun terceiro provedor, entrada en funcionamento do servizo de atención Premium para familias, alumnado e profesorado, optimizacións da conectividade nos centros docentes, etc), rexistrouse un incremento do 84% no número de usuarios que acceden á plataforma do libro dixital respecto ao curso pasado, acadándose un uso diario (por parte do alumnado e profesorado actualmente participante no proxecto) próximo ao 88%. A incorporación dun novo provedor da materia de inglés era outra das medidas previstas nesta iniciativa do Abalar, concibido en palabras de AMTEGA “como un proxecto vivo”, que evoluciona do concepto de equipo na aula ao de “mochila dixital”, un equipo “que acompaña ao alumnado en toda a súa actividade educativa, tanto dentro como fóra do centro, e que lle proporciona o acceso a todos os recursos educativos dixitais”.
A día de hoxe son Abalar (aulas dixitalizadas con encerado dixital, proxector, equipo para o posto do profesor e conexión a Internet) máis de 6.000 aulas de 5º e 6º de Educación primaria, toda Educación Secundaria e Bacharelato de 900 centros públicos, beneficiando a máis de 120.000 alumnos.