Adamo levará Internet de alta velocidade a máis de 76.000 fogares da provincia de Lugo

mércores, 17 de marzo do 2021 S. P.

A operadora Adamo vén de facer balance dos seus plans para dotar de cobertura de Internet de alta velocidade aos concellos e ao rural de Lugo. Segundo fai saber no seu reconto, máis de 76.000 fogares da provincia terán Internet de alta velocidade instalado por Adamo en dous anos. A día de hoxe, a compañía de telecomunicacións xa proporciona sinal a 50.000 inmóbeis de Lugo, entre outros concellos, en Begonte, Cervo ou A Fonsagrada. A empresa despregará a fibra óptica máis rápida que existe hoxe no mercado (1.000 Mbps) ao longo deste exercicio e o seguinte. Este plan lucense de Adamo é, nas súas palabras, un paso de xigante.
En concreto, a compañía levará Internet de alta velocidade a 26.530 fogares da provincia ao longo de 2021 e 2022. Así, sumadas ás 50.000 actuais, Adamo alcanzará un total que pasa as 76.500 vivendas conectadas á súa rede na provincia de Lugo nos vindeiros dous anos.
Preto de 6 millóns en axudas PEBA para Lugo
Este crecemento apóiase, por unha banda, nas subvencións do Programa de Banda Ancha de Nova Xeración (PEBA) do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, que está co-financiado pola Unión Europea (UE). En conxunto, Adamo resultou adxudicatario de 80 millóns de euros para dotar de fibra óptica a preto de 500.000 vivendas situadas en 20 provincias. Dese orzamento, máis de 5,8 millóns destinaranse á instalación desta infraestrutura en Lugo para facilitar, así, a comunicación dos devanditos 26.530 fogares. Por outra banda, esta expansión é posíbel grazas tamén aos investimentos de Adamo, que agregará capital propio para o despregamento de Internet de alta velocidade en cidades e vilas da nosa xeografía.
Adamo xa opera en Begonte, Cervo e A Fonsagrada
A operadora lembrou no seu balance que que este desenvolvemento enmárcase nunha forte aposta do operador por Lugo, dado que xa conectou á súa rede de Internet de alta velocidade aos concellos de Cervo, A Fonsagrada e Begonte ao longo do último trimestre de 2020.

PUBLICIDADE