Adamo ofrece fibra e móbil gratis ata maio

venres, 6 de febreiro do 2026 S. P.

A operadora de telecomunicacións Adamo, con importante presenza no rural galego (principalmente na provincia de Lugo) volve á carga cunha nova oferta que permita aos seus usuarios potenciais sacar o máximo rendemento da Internet de alta velocidade ao tempo dun xeito económico. Así, os clientes que contraten fibra óptica e móbil ata o 2 de marzo evitarán soltar un céntimo ata abril, tal e como figura nos contratos.
Adamo explica a maiores que a nova promoción conta co beneficio engadido de que a facturación da empresa é a mes vencido, co que, na práctica, o abono non se realiza ata maio.
Ademais, a nova aposta comercial da compañía inclúe Adamo TV Max sen custo ata o 15 de marzo. Este servizo de televisión á carta conta con máis de 140 canles para todos os gustos: cinema e series con WarnerTV ou TCM, un amplo catálogo de espazos infantís, todos os partidos da liga Hypermotion, 40 cadeas rexionais ou películas para adultos, entre outros contidos.
A maiores, tanto a instalación como a cota de alta -o seu prezo habitual é de 12,10 euros- quedan integradas na promoción sen custo algún.
A operadora tamén destaca que, para aquelas persoas que queren a máxima velocidade e a mellor cobertura, Adamo dispón da tarifa Caaalma Total, que consta de fibra óptica de 1 Gb e datos sen límite por 39 euros.
Neste paquete é posible agregar liñas móbiles adicionais “por un prezo simbólico de 1 euro ao mes e fixo con chamadas ilimitadas por 6 euros”, explica Adamo, engadindo que para os novos clientes inclúe un router Wi-Fi 6 para que o sinal chegue a cada recuncho da vivenda.