Adeus ás cabinas telefónicas?

luns, 13 de xullo do 2020 Marcus Fernández

A finais do ano pasado, e rexeitando unha vez máis as recomendacións da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, o Boletín Oficial do Estado recolleu a prórroga do servizo de teléfonos públicos de pagamento como servizo universal, recaendo en Telefónica xa que ningún operador quería facerse cargo dun servizo deficitario e cunha demanda practicamente inexistente, que mantense atentando contra toda lóxica, pois nin sequera figuran xa dentro do servizo universal no Código Europeo das Comunicacións Electrónicas.
Pero a situación pode mudar rapidamente, e 2020 podería ser o ano no que digamos o adeus definitivo ás cabinas telefónicas que hai no territorio español, pois o Tribunal Supremo fallou a favor de Telefónica ao declarar nula a prórroga como operador encargado das cabinas no Real Decreto do 28 de debembro de 2018, por non axustarse a Dereito, resolución que estenderíase tamén á resolución de decembro de 2019, de xeito que Telefónica de España S.A.U. non estaría obrigada a prestar o servizo das cabinas telefónicas.
Esta situación coloca ao Goberno nunha posición moi complexa, xa que os trámites realizados anteriormente resultaron ser ilegais, e non hai xustificación para manter un servizo que as empresas non queren subministrar, os cidadáns non demandan, e supón un gasto inútil duns 4,5 millóns de euros ao ano. Se a iso engadimos que a situación sanitaria non recomendaría o uso de teléfonos públicos, temos o cóctel perfecto para suprimir definitivamente as cabinas telefónicas de España (cando menos, as instaladas por obriga legal, pois non podemos esquecer que existen outras independentes, como as que ten instaladas R pola xeografía galega).

PUBLICIDADE