Adobe estrea un asistente de IA para documentos PDF

mércores, 21 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Adobe vén de anunciar a beta do seu novo asistente de IA que integrarase no Acrobat Reader, permitindo así aplicar a IA aos nosos documentos PDF para resumilos, esquematizar a información que conteñen, resolver consultas ou realizar presentacións, no que poderiamos describir como falar cos documentos.
O asistente de IA de Adobe polo momento está limitado ao inglés e a documentos dun máximo de 200 páxinas, pero irá ampliando as súas capacidades paulatinamente até converterse nunha ferramenta de traballo que aforre moito tempo ao traballar con longos documentos.
O funcionamento do asistente é moi semellante ao Copilot de Microsoft, despregándose nun lateral da aplicación a xeito de chat, para así conversar coa IA sobre o documento que teñamos aberto, para así poder resumilo ou facer preguntas sobre o seu contido. Cómpre destacar que as respostas que recibimos inclúen citas, ou sexa, indican a fonte dos diferentes elementos da resposta, para así poder comprobar a súa fiabilidade, o que resulta imprescindible en contornos profesionais.
Este asistente poderá funcionar tamén con documentos de Word, de PowerPoint, transcricións de xuntanzas... de xeito que Adobe poderá espallar a súa grande experiencia en IA xenerativa a un ámbito que actualmente tiñan dominado compañías como OpenAI.
No futuro confían en que este asistente poida funcionar con múltiples documentos en distintos formatos, facilite a edición de documentos e, basicamente, chegue a ser unha competidor directo de asistentes como os de Microsoft e Google, ofrecendo estas posibilidades aos seus subscritores de pagamento.

PUBLICIDADE