Advirten da inminente chegada dun troiano que usa o chat do Facebook

xoves, 4 de agosto do 2011 Fernando Sarasketa

ESET, a multinacional de seguridade informática, vén de advertir da distribución e infección masiva de equipos por un troiano que chega aos nosos equipos a través da aplicación do chat de Facebook. O malware, que amosa unha mensaxe de amizade e provén (en teoría) dalgún dos nosos contactos, é en realidade “un bot con capacidade para establecer este tipo de comunicación de xeito directo, referíndose mesmo ao usuario concreto da conversa”, segundo informa Ontinet.com, distribuidor en España dos produtos e servizos de ESET.
Amais de todo isto, a infección é quen de publicar no chat do usuario da dita rede social unha ligazón a un vídeo, animando á súa visualización coas consecuencias de costume neste tipo de casos, xa que o vídeo abre as portas dunha descarga que é, en definitiva, o miolo do malware. Por certo que a información completa sobre o troiano está dispoñíbel nun documento en Yousendit, accesíbel para quen queira saber cómo evitar a infección ou que facer para afrontala.
Segundo engade Ontinet, a presenza deste malware non para de medrar en Europa central e do leste, Asia e Medio Oriente. Coñéceselle, máis polo miúdo, como Win32/Delf.QCZ. “En España non se rexistraron aínda infeccións significantes, pero vendo a evolución do troiano, poden comezar a localizarse en calquera intre”, advirten.

PUBLICIDADE