Adxudicada en Ribeira a implantación de doce puntos Wi-Fi de balde

venres, 18 de xuño do 2021 S. P.

O Concello de Ribeira informou da adxudicación provisional no municipio do proxecto europeo WiFi4EU, que no caso de Ribeira implicará a implantación de doce puntos Wi-Fi gratuítos noutras tantas localizacións da cidade.
De entre as seis empresas presentadas a que obtivo unha maior puntuación (un total de 95,72) foi Wireless Galicia, S.L. O Concello lembra que a iniciativa está subvencionada pola Unión Europea en virtude do convenio subscrito polo Concello coa Axencia Executiva de Innovación e Redes (INEA).
As doce localizacións nas que se implantará Wi-Fi gratuíto nesta primeira fase (está prevista unha segunda na que ampliar o servizo ás parroquias) son as seguintes:
1. Praza do Concello
2. Área da Oficina de Atención Cidadá (Casa do Concello)
3. Interior do mercado municipal
4. Centro Cultural Lustres Rivas
5. Biblioteca Municipal
6. Exterior da Oficina de Turismo do Malecón
7. Parque merendeiro situado xunto á UAD
8. Praia de Coroso (entorno da UAD)
9. Complexo Polideportivo da Fieiteira
10. Conservatorio Enrique Paisal
11. Praza do Centenario
12. Entorno da nova estación de autobuses

PUBLICIDADE