Adxudicado a SIVSA o sistema galego de apoio á xestión de trámites dos establecementos de acuicultura

xoves, 24 de setembro do 2020 S. P.

O Goberno autonómico adxudicou á empresa galega SIVSA a creación, posta en marcha e mantemento dun sistema de apoio na tramitación da xestión dos procedementos relacionados cos establecementos de acuicultura.
O proxecto incluirá (entre outras cousas) a dixitalización e integración das tramitacións ligadas ao rexistro de establecementos do sector (concesión, prórroga, ampliación de especies, cambio de localización, etc) e máis a posta en marcha do propio Rexistro de Establecementos de Acuicultura de Galicia, que disporá dunha ferramenta para a acubillar todos os datos rexistrais dos diversos establecementos. Segundo informou SIVSA, esta ferramenta permitirá a rastrexabilidade dos mesmos e o seu estudo, así como tomar decisións sectoriais en base a información de calidade.
O proxecto tamén inclúe a integración dos sistemas desenvolvidos en dous ámbitos: sistemas horizontais proporcionados por AMTEGA (sede electrónica e cartafol do cidadán, directorio activo da Xunta de Galicia, Portafirmas, Notific@, Pasaxe e Xestión documental con Alfresco) e sistemas verticais ligados ao ámbito do mar (permitirase o emprego dos datos do rexistro na Plataforma Tecnolóxica da Pesca, entre outros procedementos). Con esta nova adxudicación, cuxo prazo de execución finaliza o 30 de novembro de 2021, SIVSA reforza a súa aposta nos proxectos da área de mar.

PUBLICIDADE