Aerocamaras acada un acordo coa Universidad a Distancia de Madrid para integrar a drónica no eido universitario

mércores, 22 de xaneiro do 2025 S. P.

A compañía galega Aerocamaras, referente estatal na formación e desenvolvemento con drons con sede en Lalín e no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), vén de alcanzar un acordo coa Universidad a Distancia de Madrid (UDIMA) para integrar a drónica no eido universitario. Na sinatura participaron Juan Luís Rubio, vicerreitor de UDIMA, e Francisco Álvarez, director executivo (CEO) de Aerocamaras.
Este acordo permitirá ao alumnado das dúas entidades ter acceso a formación de alto nivel cos títulos propios de UDIMA e os cursos oficiais, técnicos e universitarios do Campus UAS de Aerocamaras. En concreto, tanto os alumnos como os antigos alumnos de UDIMA e de Aerocámaras gozarán de condicións vantaxosas á hora de matricularse na oferta formativa de ambas as dúas escolas superiores. Ademais de bonificacións, incluirase gratuitamente con cada inscrición o curso Área de Desarrollo de Carrera de UDIMA.
Esta acción complementarase coa incorporación de Aerocamaras no programa de mentoring da universidade en liña, para fomentar a relación de desenvolvemento profesional e persoal do seu antigo alumnado e axudar a establecer un itinerario profesional acorde ás capacidades e aptitudes no eido tecnolóxico. A este programa engádese, ademais, o plan de prácticas profesionais en empresas para os alumnos de pilotos de drons.
Con este acordo consolídase a colaboración que as dúas entidades iniciaron este mesmo ano co título propio de Piloto Máster UAS, única certificación técnica de piloto de drons que existe en España con acreditación universitaria de ámbito europeo, homologado pola EASA (European Union Aviation Safety Agency).
As dúas institucións consideran de “gran relevancia” establecer estas liñas de colaboración para a organización de actividades formativas de alto nivel. Francisco Álvarez, CEO do Grupo Aerocamaras, destacou desta unión que “é un fito no ámbito da formación técnica. Nós, apaixonados polos drons e a formación, e UDIMA, especialistas en formación universitaria online de calidade, damos resposta á imparábel demanda de todos os sectores profesionais para aproveitar as vantaxes da drónica en actividades diversas. Sen dúbida, a sinatura deste convenio con UDIMA é un privilexio e supón un gran paso no noso desenvolvemento estratéxico”.