Airis amplía o seu catálogo cun smartwatch de seu

martes, 26 de maio do 2015 Redacción

A compañía española Airis vai lanzar dous smartwatch de seu, os modelos SW01N e SW01B, dous trebellos cunha duración de carga de 150 horas, dispoñíbeis en branco e negro e, segundo informa o fabricante, con ampla marxe de autonomía para recibir e realizar chamadas e mensaxes grazas ao seu cartón Micro SIM. O gadget (en realidade é un só trebello achegado en dúas modalidades) é sincronizábel vía Bluetooth con calquera dispositivo intelixente, unha dualidade que permite ao usuario estar sempre conectado e non perder ningunha notificación das aplicacións. Todo isto durante as devanditas 150 horas que ten de autonomía.
Airis tamén salienta outro factor a ter en conta, que é súa sinxela de uso. Isto compleméntase cunha pantalla LCD táctil de 1,54 polgadas e unha longa serie de características e funcionalidades como navegador web, reprodutor de audio e vídeo, función podómetro (pasos e calorías), calendario, calculadora, radio FM, alarmas e reloxo. Tamén acubilla tecnoloxía Bluetooth 3.0, lectores de cartóns Micro SIM e Micro SD, ademais dun porto Micro USB para a súa carga e a transferencia de datos.O prezo de venda ao público recomendado é de 189,90 euros e xa se atopa dispoñíbel, nas cores branco e negro, nos puntos de venda autorizados e na tenda en liña oficial de Airis.

PUBLICIDADE