Airis lanza un reprodutor de DVD de 7 polgadas con TDT

martes, 25 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

Integrar e compendiar. Ou é que é o mesmo: tirar partido das vantaxes de diferentes tecnoloxías para poñelas nun único aparello, e todo iso sen que se incremente o tamaño do mesmo, senón todo o contrario. Esta máis ou menos semella a intención de Airis coa recente posta no mercado do seu novo DVD portátil LW277 de 7 polgadas e con TDT integrado, un equipo que –segundo sinala a empresa tecnolóxica española- é compatible cos “formatos máis comúns de audio e vídeo”: DVD, DVD-R/W, DVD+R/RW, VCD, CD, HDCD, Picture CD, CD-R, CD-RW, MPEG4, MP3, WMA e DIVX.
O obxectivo desta aposta pola compatibilidade: evitar na medida do posible que siga a medrar o número de usuarios de DVDs que en certa maneira botan de menos os tempos do vídeo (vale, víase e escoitábase peor, pero se non se reproducía un filme en concreto era, precisamente, por un motivo en concreto).
Volvendo ó modelo LW277, dicir que inclúe unha batería de Ion Litio integrada no mesmo reprodutor e, como dixemos, un sistema de recepción de Televisión Dixital Terrestre preparado para operar en calquera espazo que teña cobertura. As súas dimensións son as seguintes: 225 x 117 x 37 mm. Asemade, ten un peso de 835 quilogramos. O seu prezo, informa Airis, será de 149 euros.

PUBLICIDADE