Aldaba doa equipos informáticos á poboación ucraína refuxiada en Galicia
martes, 14 de xuño do 2022
A
empresa coruñesa Aldaba vén de compartir os detalles dunha
iniciativa solidario-tecnolóxica co pobo ucraíno, asolado pola
guerra perpetrada por Rusia ha xa 111 días. A iniciativa consistiu
nunha doazón de equipos informáticos destinados a persoas
refuxiadas do país da Europa do Leste en Galicia. En concerto, irán
dirixidos a 11 estudantes ucraínos residentes agora na nosa terra,
coa finalidade de facilitar as súas clases online. Aldaba, ao
abeiro das súas firmes liñas estratéxicas en materia de RSC
(Responsabilidade Social Corporativa), entregou formalmente os
equipos informáticos á organización AGA-Ucraína.
En
palabras da empresa galega, “a guerra en Ucraína cumpriu 111 días
e cóntanse por centenares as persoas daquel país que solicitaron
protección en Galicia. As súas necesidades son innumerábeis desde
as máis básicas, de alimentación e refuxio, até outras que pasan
por escolarización, posibilidades de traballo ou medios de
comunicación”. É neste punto de coordinar todos os esforzos e
cubrir todas as necesidades da poboación onde entra en xogo o labor
da Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA-Ucraína).
A
doazón de equipos informáticos xurdiu a través dunha proposta dos
profesores da Universidade da Coruña, Virginia Mato, directora da
Cátedra Aldaba-WIB (Women, ICT & Business), e Miguel González,
pensando na necesidade de colaborar coas persoas refuxiadas que
actualmente viven en Galicia. “Para elas, contar con computadores e
ouros elementos TIC é crucial á hora de comunicarse, tanto con
familiares e amizades, como coas propias organizacións de axuda, así
como para xestionar trámites administrativos ou posibilitar, como
neste caso, a asistencia ás clases online. Pareceunos unha
maneira efectiva e práctica de axudar desde Aldaba”, indicou
Enrique Fernández, director de Aldaba.