Para pór a proba os sistemas de intelixencia artificial de Google DeepMind, programaron un sistema capaz de xogar ao complexo xogo de estratexia Go, puxérono a competir con humanos, e ao ir progresando decidiron que era hora de dar a coñecer o avance ao mundo a través dun reto mediático: organizando unha serie de 5 partidas entre un dos mellores xogadores do mundo, Lee Sedol, e o sistema AlphaGo, que competían por unha bolsa de 1 millón de dólares, que finalmente irá a parar a entidades benéficas, xa que o humano só foi quen de superar á máquina en 1 das 5 partidas.
Estamos ante un fito histórico, que pode lembrarnos a cando o Deep Blue de IBM derrotou a Gary Kasparov ao xadrez, e AlphaGo non só conseguiu confirmar que era a primeira intelixencia artificial capaz de derrotar a expertos xogadores de Go, senón que incluso o fixo en momentos moi complicados, xa que na súa quinta partida cometeu un grande erro ao comezo e foi capaz de remontar, eliminando así toda dúbida sobre a súa superioridade.
Que un sistema de redes de neuronas adestrado fose capaz de derrotar a unha persoa que conseguiu ser campión mundial en 18 ocasións demostra que a intelixencia artificial está a avanzar a unha velocidade maior do que moitos poderían pensar, de xeito que estes sistemas xa poden superar ás persoas nun xogo con dez veces máis posibilidades de movemento que o xadrez.
AlphaGo: a máquina vence ao home
Compartir Este Artigo
