Altia adquire Bilbomática por 24 millóns de euros

mércores, 3 de agosto do 2022 S. P.

O grupo galego Altia vén de adquirir o 100% de Bilbomática por 24 millóns de euros. A operación supón para a compañía galega a integración de máis de 550 profesionais da empresa tecnolóxica vasca con sede en Bilbao, co que o persoal sitúase en máis de 3.200 persoas. A compra, en palabras da empresa coruñesa, “reforza a idea de crecemento sólido e ordenado que estamos a levar a cabo desde a nosa saída a Bolsa en decembro de 2010”.
Bilbomática é unha empresa de consultoría TIC fundada en 1988. Situada en Euskadi, especializouse na transformación dixital do sector público, en ámbitos como administración, o medio ambiente, a sanidade, o turismo, a innovación, a industria, o benestar social, as utilities e a enerxía, entre outros. Conta cunha gran experiencia en áreas tecnolóxicas como Microsoft, Java, portais web, visualización interactiva de datos, xestión documental, mobilidade, Realidade Aumentada e Virtual, todo iso baixo estándares avanzados en seguridade da información.
As súas capacidades ao completo pasan a formar parte agora de Altia, cuxa oferta segue crecendo coa incorporación de novas solucións e tecnoloxías e “así seguir ofrecendo servizos tecnolóxicos de primeiro nivel aos seus clientes”, informou o grupo galego.

PUBLICIDADE