Altia e Netex crearán contidos dixitais innovadores para o sistema educativo canario

venres, 29 de abril do 2022 S. P.

O Goberno de Canarias adxudicou ás empresas galegas Altia e Netex un contrato de máis de 700.000 euros para a produción de materiais didácticos para profesorado e alumnado de Educación Primaria e Secundaria Obrigatoria da Comunidade. O acordo, enmarcado no proceso de transformación tecnolóxica e dixitalización emprendido polo Executivo das illas, ten validez até o 2023 e está co-financiado ao 85% con fondos FEDER, dentro do Proxecto UCTICEE da Consellería de Educación de Canarias. Contempla o desenvolvemento de novas aplicacións e ferramentas educativas, así como a posta en marcha de melloras nas existentes.
A Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Altia e Netex, as dúas con sede en Oleiros (A Coruña) ten como obxecto “o fornecemento de servizos relacionados coa produción de materiais didácticos, entre eles a implantación de ferramentas de aprendizaxe e de traballo que integren a todos os axentes da comunidade educativa, o desenvolvemento dunha plataforma de xestión de recursos educativos, a creación dun kit persoal de aprendizaxe e asegurar a autoría das producións dixitais elaboradas polo alumnado e o profesorado”.
En concreto, perséguese a dixitalización da contorna educativa da comunidade canaria mediante a creación de contidos dixitais nunha Contorna Virtual de Aprendizaxe (EVA) para o profesorado e o alumnado de Educación Primaria e Secundaria Obrigatoria. “Desta maneira”, informaron Altia e Netex, “dotarase á comunidade educativa de ferramentas e recursos dixitais que potencien a innovación nos centros e que favorezan a simplificación do traballo docente”. As empresas engaden que a dispoñibilidade de contidos dixitais educativos “facilitará o tránsito do analóxico ao dixital e o tránsito dunha educación lineal definida polo libro de texto e baseada principalmente na memorización de contidos para a súa posterior reprodución, a outros modelos de ensino máis innovadores e acordes aos novos tempos, marcados polo uso da tecnoloxía e a creación de novos contidos dixitais”.

PUBLICIDADE