Altia e a Zona Franca de Vigo invisten en Docuten
xoves, 30 de xuño do 2022
A Zona Franca de Vigo, a través de Vigo Activo Sociedade de Capital
Risco, e Altia investiron 1,2 millóns de euros (600.000 euros cada unha) en
Docuten Tech, empresa que dixitaliza de forma completa as empresas, con axuda
da sinatura dixital e a emisión e recepción de factura electrónica.
O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades,
asegurou que “a dixitalización e a eliminación do papel é un proceso imparable,
ao que as pequenas e medianas empresas están a sumarse. Entendemos que apoiar a Docuten é apoiar tamén ao tecido empresarial de pemes no seu proceso de
innovación”.
Grazas a esta inxección de capital, Docuten, con sedes na
Coruña e Madrid, poderá seguir a senda de crecemento dos últimos anos, nos que
consolidou a súa posición no mercado español como unha das empresas de
dixitalización mellor posicionadas para clientes medianos e grandes, ademais de
redobrar a súa aposta polo mercado portugués.
O CEO de Docuten, Brais Méndez, declarou que “a aposta que
fan por Docuten estas dúas institucións tan relevantes é o recoñecemento á
estratexia de crecemento executada nos últimos anos” . Ademais, destacou que “a
colaboración tanto con Vigo Activo como con Altia amplía as posibilidades de
expansión do negocio da compañía”.
Os novos investidores únense a GoHub Ventures e a Torsa
Capital que entraron na compañía en decembro de 2019.
Como recalca Brais Méndez, “é un luxo contar con 4 axentes
tan importantes e con capacidades complementarias no accionariado de Docuten. A
nosa intención sempre foi poder contar con investidores que se poidan
complementar e que nos poidan achegar moito valor’’.
Para Tino Fernández, presidente e fundador da compañía
tecnolóxica Altia, “Esta decisión enmárcase na nosa estratexia de innovar e
crecer con solucións que faciliten a dixitalización dos nosos clientes e a
evolución dos seus negocios. En concreto, investimos en Docuten porque conta
cunha plataforma tecnolóxica contrastada, que nós recomendamos e tamén
utilizamos. Un proxecto que ademais está en pleno proceso de expansión, e para
o que vemos perspectivas de crecemento elevadas tras os sucesivos cambios
normativos que están a impulsar cada vez con maior vigor a sinatura e factura electrónica”.