Altia, elixida para acometer o redeseño do conxunto de portais de madrid.org
xoves, 4 de xaneiro do 2018
A
Axencia para a Administración Dixital da Comunidade de Madrid
contratou a
empresa galega Altia, especializada en servizos de consultoría
tecnolóxica, para acometer integramente o redeseño do conxunto de
portais que conforman a plataforma www.madrid.org.
O obxectivo da axencia, con estes traballos de fonda remodelación
das súas ferramentas dixitais, é “proporcionar á cidadanía a
mellor información e calidade nos servizos prestados a través de
madrid.org, coa intención, ademais, de converter o portal nunha
referencia a nivel estatal e internacional”. Este proceso, lembra
Altia, inclúe a adopción dos seguintes piares básicos de traballo:
socialización da web e difusión 2.0, contidos multimedia, boletíns
informativos e adecuación ás distintas audiencias.
Os
traballos tamén abranguen unha migración a un novo xestor de
contidos (CMS) que forneza meirande axilidade tecnolóxica,
estandarización e melloras na accesibilidade. Segundo reflicte a
empresa galega, esta migración é “o primeiro paso cara a unha
plataforma web que cubra novas necesidades como a transformación
cara a un goberno aberto”.
Altia
tamén fai fincapé en que estes obxectivos, unidos á experiencia
da firma galega neste tipo de procesos (ampla experiencia no ámbito
da implantación de proxectos con solucións CMS, en concreto con
Drupal, a solución software elixida finalmente), motivaron a
contratación da compañía que preside Tino Fernández. “Desde o
noso punto de vista o contrato supón tanto para a Axencia como para
Altia un reto compartido, pois a nosa implicación no proxecto é
plena, como parte da nosa misión”, explican dende a empresa
galega, engadindo que se trata dun contrato cunha duración inicial
de dous anos, coa opción de prórroga por outros dous anos máis.