Altia inicia a fusión por absorción de IN2

mércores, 4 de xuño do 2025 S. P.

A tecnolóxica galega Altia iniciou os trámites societarios para a fusión por absorción de IN2, compañía que se incorporou ao grupo Altia en decembro de 2024. En palabras da firma TIC con sede en Oleiros, esta operación estratéxica busca concentrar nunha soa sociedade a actividade na zona de Cataluña desde o punto de vista operativo, así como unha simplificación administrativa.
“Este movemento estratéxico permitiranos reforzar a nosa posición no mercado, á vez que abre novas vías de crecemento e expansión”, sinalan dende Altia, engadindo que se trata “dun paso que potencia as sinerxías das capacidades de ambas as compañías unidas”.
Altia anunciou a adquisición do 100% de IN2 en decembro de 2024 nunha operación que supuxo a incorporación desta compañía, con máis de 30 anos de traxectoria.
A firma IN2 está posicionada como un axente relevante na dixitalización de entidades públicas e privadas sobre todo en Cataluña, levando a cabo solucións tecnolóxicas innovadoras en ámbitos estratéxicos como sanidade, servizos sociais, turismo, transporte e industria 4.0.
Con este proceso IN2 pasará a formar parte para todos os efectos dun grupo de máis de 4.000 persoas, situadas en preto de 30 localizacións de 10 países. “Será un paso que aumentará as oportunidades empresariais e profesionais de todas as persoas que forman parte deste proxecto”, engadiron fontes de Altia.