Altia participa no desenvolvemento do novo sistema de xestión da UE en materia de medio ambiente
mércores, 16 de setembro do 2020
A
empresa
tecnolóxica Altia, con sede en Oleiros, e máis a firma navarra
Tracasa son as encargadas do desenvolvemento do sistema Reportnet 3.0
da Axencia Europea de Medio Ambiente (o novo sistema de xestión
de datos en materia green dos país membros da UE). A
tecnoloxía materializada polo consorcio formado polas dúas ditas
empresas permitirá que os informes nos que se detallan datos como a
polución do aire, as augas residuais ou o ruído, sexan tratados
“dunha maneira máis áxil, segura e eficiente”.
En
concreto, os usuarios terán a posibilidade de definir e manipular de
xeito gráfico as estruturas de información e as regras de
validación dos informes procedentes de cada territorio. Altia
explica que estes informes teñen unha serie de pasos preestablecidos
para o seu reporte á axencia EAA, como “a definición do propio
informe vinculado ao seu marco legal, validacións automáticas sobre
os datos recompilados, verificación por parte do responsable a
nivel europeo e, finalmente, a súa publicación para o emprego
noutros informes”.
Respecto
das novidades e vantaxes que pon en xogo a actualización, a empresa
galega lembra que ata o de agora, a versión Reportnet 2.0 requiría
un novo desenvolvemento ad hoc das estruturas de
almacenamento, regras de validación, recepción de datos, etc, ao
que compre engadir que a propia metodoloxía de funcionamento do
sistema provocaba longos períodos de espera.
Pola
contra, a solución proposta por Altia-Tracasa admite a creación de
bases datos ao voo que recollan datos correspondentes a todos os
países participantes no proxecto, “facilitando así o seu arquivo
e mellorando a axilidade da xestión”. De feito, o obxectivo é que
a tecnoloxía permita que todas as transaccións se leven a cabo en
menos de 400 milisegundos. Ademais, para os servizos de negocio e
infraestrutura, desenvolveuse un sistema arquitectónico que permita
que, no caso de que algún dos servizos caese, outro puidese seguir
operando no punto exacto onde o outro caeu.
En
canto á mellora da seguridade do sistema, establecéronse unha serie
de controis para garantir que só as persoas indicadas poidan acceder
a recursos concretos, baseando a autenticación dos usuarios no
sistema EuLogin empregado pola EEA.
