Altia pechou 2024 cun equipo profesional de 4.000 persoas e un 5,9% de incremento en facturación

mércores, 30 de abril do 2025 S. P.

O ano 2024 foi importante para Altia: ademais de ser o ano do seu 30 aniversario, foi o ano no que a empresa TIC galega superou a barreira das 4.000 persoas traballando para este proxecto. “Neste período”, sinalaron fontes da firma con sede en Oleiros, “fomos quen de pechar unha facturación de 255,6 millóns de euros, o que supón un 5,9% máis que en 2023”. Este crecemento non inclúe os ingresos das recentes incorporacións de IN2 e as unidades de Verne, o que reforza a boa lectura dos resultados.
Pola súa banda, o EBITDA superou os 25 millóns, cunha marxe do 9,7%, que responde os investimentos que Altia fixo en mercados clave como Estados Unidos, Irlanda e Emiratos Árabes Unidos, “apostando forte por esas rexións porque cremos no seu potencial”. Ademais, o beneficio neto de Altia foi de 15,4 millóns, lixeiramente por enriba do exercicio anterior. Tamén reforzou a estrutura financeira: os recursos propios creceron un 15,5% e os activos sitúanse en 167,1 millóns de euros, uns datos que “nos dan solidez e permítennos mirar o futuro con confianza”, sinalaron dende a empresa tecnolóxica, engadindo que no caso do dividendo, desde o Consello de Administración propúxose que sexa de 0,06 euros por acción, un 20% máis que o do ano anterior e que representa un 26,7% do beneficio neto consolidado.
No plano internacional, Altia reforzou a súa presenza con novas sedes en Portugal, Países Baixos, Emiratos Árabes Unidos e Irlanda, ao que suma un dos fitos do ano: liderar o consorcio elixido para desenvolver e manter as aplicacións da Oficina Europea de Patentes, o maior proxecto da historia da empresa galega.