Altia presenta Naveia, escola especializada en Data e IA
mércores, 9 de xullo do 2025
Altia, consultora tecnolóxica con sede en Oleiros (A Coruña), vén de lanzar Naveia, un proxecto educativo que modifica e amplía a anterior Verne Academy, un actor con máis de 20 anos no sector da formación e que agora forma parte da compañía galega. A escola ten como obxectivo converterse “nun núcleo de educación para a tecnoloxía de vangarda”, explicou Altia.
Naveia achegará programas de formación que combinan tres formatos de aprendizaxe dependendo das necesidades de cada alumno ou empresa, desde formación en Intelixencia Artificial, xestión do dato, aprendizaxe máquina (machine learning), ciberseguridade ou intelixencia nos negocios (business intelligence) ata o ensino das habilidades dixitais necesarias para o desempeño laboral e individual diario.
Da man de profesionais en activo do sector, Naveia ofrece en palabras de Altia “unha formación orientada ao desenvolvemento das competencias clave adaptadas ás necesidades de cada alumno”. O obxectivo desta oferta educativa é “impulsar o crecemento persoal e a proxección profesional de cada perfil (B2C) ou cliente (B2B) para garantir unha experiencia de aprendizaxe óptima”.
Segundo explica Javier Torrenteras, director de Naveia, “a inauguración desta escola, e a nosa longa experiencia que se remonta a 2005, constitúe un avance crucial na nosa estratexia para impulsar o talento especializado en tecnoloxías esenciais para o futuro dixital. Coa nosa escola tecnolóxica, non só brindamos aos nosos expertos e clientes acceso a coñecementos de vangarda, senón que tamén apoiamos o crecemento do ecosistema tecnolóxico en España".
As sesións, ofrecidas por un equipo docente formado por expertos prestixiosos na industria tecnolóxica, son retransmitidas en directo e en liña, pero tamén contemplan a formación offline para proxectos concretos e personalizados, dispoñendo dun campus virtual con completa flexibilidade. Ademais, cada alumno dispoñerá de recursos para descargar, obradoiros prácticos, titorías personalizadas, proxectos adaptados a cada perfil e un foro virtual para o seguimento personalizado, permitindo así a adaptar a aprendizaxe a cada perfil.
Naveia está certificada como Microsoft Training Services Partner e nos anos 2022 e 2023 conseguiu o galardón de Mellor Partner Pledge en Capacidades dixitais de Microsoft Inspire. Ademais, en 2023 foi finalista de Dixital Skills Awards Spain nos Premios AMETIC.
Esta nova liña de negocio “permitirá que nos situemos á vangarda no mercado dos servizos tecnolóxicos, sumando agora esta división educativa coa que apostamos polo talento especializado como motor da innovación e a competitividade nunha contorna complexa e esixente”, explican dende Altia.
