Altia renova marca e aposta pola tecnoloxía como factor decisivo de crecemento
martes, 14 de outubro do 2025
A empresa galega Altia, referente tecnolóxico estatal, presentou este mes de outubro a súa nova identidade de marca, que dá paso a unha nova etapa tras celebrar o seu 30 aniversario o pasado ano. Máis polo miúdo, Altia estreou imaxe pero tamén lema, Technology for real growth, un epígrafe que constitúe, en palabras da firma con sede en Oleiros, “unha declaración de intencións que reforza o noso compromiso co crecemento real de clientes, profesionais e da sociedade”.
Engaden que este cambio responde “á necesidade de actualizar a marca para facela máis coherente coa nosa evolución empresarial e reflectir a integración das novas compañías adquiridas nos últimos anos”.
O proceso buscou ademais proxectar “unha identidade viva, moderna e compartida, capaz de atraer e reter talento nun sector competitivo”.
Nesta fase inicial da nova andaina inclúense as empresas cabeceira do grupo noutros mercados: Noesis, en Portugal e certos mercados internacionais; e Bilbomática, na zona norte peninsular.
Altia engade que a redefinición inclúe tanto a identidade visual como a verbal, “cun ton de comunicación aliñado con valores de proximidade, claridade e compromiso”. A idea, apuntan, foi achegar “unha cultura de marca máis sólida na que as persoas ocupan un papel central cunha misión: ofrecer servizos de alto valor para a dixitalización de organizacións en todo o mundo”.
Previsións
A nova identidade preséntase un ano no que Altia prevé alcanzar unha facturación de 300 millóns de euros e superar os 330 millóns en 2026, cun beneficio neto estimado superior nun 57%, alcanzando os 24 millóns de euros. En palabras da compañía, estas cifras “supoñen un crecemento sostido baseado na integración de adquisicións recentes, o reforzo internacional e a consolidación de contratos con organismos europeos”.
Segundo comentou Constantino Fernández, presidente executivo de Altia, “estamos nunha fase moi especial da nosa historia, cunha identidade renovada que reflicte o que somos e o que queremos ser. A saída a bolsa en 2010 foi un fito decisivo que nos permitiu medrar e profesionalizar a estrutura da empresa cun crecemento orgánico e inorgánico moi estable. Hoxe, con máis de tres décadas de traxectoria, afrontamos o futuro con confianza, apoiados por unha marca máis forte e por un proxecto empresarial que, sen dúbida, segue gañando solidez e que seguirá comprometida co crecemento real dos nosos clientes e profesionais”.
Altia conta a día de hoxe con máis de 4.000 profesionais de 41 nacionalidades, cun 98% de contratos indefinidos. En 2024 destinou máis de catro millóns de euros en formación, potenciou as medidas de conciliación e mantivo unha aposta pola convivencia do talento novo e sénior.
Vídeo de presentación da nova imaxe corporativa de Altia
