Altia reparte máis de 2 millóns de euros de beneficios

mércores, 6 de xuño do 2018 Redacción

A emprega galega Altia, centrada en servizos TIC avanzados para os ámbitos industriais, das telecomunicacións ou financeiros, vai repartir máis de dous millóns de euros de beneficios con cargo aos seus resultados de 2017. Así se fixo saber este 6 de xuño na xunta xeral de accionistas da firma, celebrada na Coruña, na que se aprobaron as contas da compañía en relación ao exercicio do ano que vimos de deixar atrás.
Dos números presentados despréndese que a empresa repartirá, en concreto, un total de 2.033.455,50 euros, o que en termos absolutos supón un 33,6% máis que en 2016.
Polo que se refire á cifra de negocio, fíxose saber que o importe neto acadou os 64.709.610 de euros
en 2017, un 3% por baixo do ano anterior. A respecto disto, o presidente da compañía, Tino Fernández, sinalou que “pode dicirse que repetimos practicamente os resultados de 2016”, o que demostra, xunto con outros datos, “a solidez do proxecto”.
Na xunta tamén se fixo saber que o EBITDA de Altia ascendeu a 8,9 millóns de euros e o seu beneficio neto sitúase en 6,1 millóns de euros. Ao fío das contas do ano pasado, o presidente da compañía afirmou tamén que “está intacta nosa capacidade financeira para emprender novos investimentos e o investimento en talento mantense”.

PUBLICIDADE