Aluratek comercializa discos duros externos que se poden pechar por RFID

xoves, 28 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Disco Hurricane Plus con identificación por radio-frecuencia

Os usuarios preocupados por manter os seus datos lonxe de miradas alleas poden optar por facerse con discos duros USB de Aluratek, que se venden en versións de 3,5 polgadas e de 2,5 polgadas e que inclúen 2 chaves de seguridade RFID (identificación por radio-frecuencia) que permiten pechar ou abrir os contidos do disco con só pasalas por diante do mesmo, non precisando de ningún tipo de software para estas funcións.
O Hurricane Plus sería o disco duro USB con RFID de 3,5 polgadas (precisa de alimentación externa), o que permitiría un almacenamento de ata 1 Tb a través un único conector USB 2.0, mentres que o Tornado Plus sería a versión de 2,5 polgadas (alimentada por USB) cunha capacidade de ata 500 Gb. Ambas unidades tamén sería compatibles con portos USB 1.1.
Os prezos destes discos nos EE.UU. estarían entre os 119 dólares do Tornado Plus de 160 Gb ata os 249 dólares do Hurricane Plus de 1 Tb.

PUBLICIDADE