Amazon Prime Video estrea canles de subscrición

mércores, 4 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Nos últimos anos Amazon Prime Video foi potenciándose en España até converterse na segunda plataforma de streaming por número de subscritores (só superada por Netflix), ofrecendo cada vez un catálogo máis amplo de filmes e series de televisión, e incluso abríndose á posibilidade ao aluguer e compra de películas e documentais non incluídos no seu servizo. Nesta mesma liña vén de estrear canles, unha funcionalidade coa que tamén conta Apple TV, e que permite a subscrición a plataformas alleas de xeito que tanto o seu pagamento como a reprodución dos seus contidos intégrase en Prime Video, facilitando a experiencia de usuario e evitnado así tamén a necesidade de ter que instalar unha aplicación máis nos nosos dispositivos.
As canles de Prime Video estaban dispoñibles en EE.UU., Canadá, Xapón, Reino Unido e Alemaxa, e agora xa están dispoñibles tamén en España, Italia e Países Baixos, facilitando o acceso a catálogos de contido que poden contratarse de xeito independente a prezos que van dende os 2,99 até os 9,99 euros/mes.
A principal canle que chega a Prime Video é Starzplay, que por 4,99 euros/mes ofrece unha ampla selección de películas e series (The Great, The White Princess, The Act, Power Book II: Ghost...) e xa estaba dispoñible en España a través de distintas plataformas. Por 3,99 euros/mes tamén podemos acceder a MGM, unha canle con numerosas películas e series de televisión da Metro-Goldwyn-Mayer (como a franquía Stargate); a canle Noggin by Nick Jr. ofrece por 3,99 euros/mes contidos infantís de Nickelodeon (como Dora, la exploradora); a canle que se atreve a pór un prezo de 9,99 euros/mes é MUBI, que presume de estrear unha película aclamada pola crítica cada día (opción atractiva para os que buscan tanto cine clásico como algunha proposta alternativa de calidade); por 3,99 euros/mes podemos subscribirnos a TVCortos, canle dedicada en exclusiva á curtametraxes; como proposta bastante orixinal estaría OUTtv, que por 4,99 euros/mes ofrece series, documentais e filmes LGBTQ+ e producións orixinais; e, finalmente, para os amantes da música estarían as canles Qello Concerts by Stinggray e Mezzo, que por 4,99 e 2,99 euros/mes ofrecen concertos musicais (que no caso de Mezzo limítanse a música clásica, jazz e dance). Estas canles ofrecen 30 días de proba, agás no caso de Qello Concerts by Stingray, que limita tal período a 14 días.

PUBLICIDADE