Amazon celebra o seu Prime Day hoxe e mañá

luns, 15 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Chegou o día que moitos consumidores estaban a agardar, e dende a pasada madrugada e até o remate do día de mañá Amazon celebra o seu Prime Day, dúas xornadas de ofertas coas que a plataforma de comercio electrónico de Jeff Bezos quere tanto mellorar as vendas como atraer a clientes para o seu servizo de subscrición Prime (que inclúe gastos de envío urxentes sen custo adicional e outros servizos asociados que achegan música, libros, series de televisión, películas, videoxogos e incluso almacenamento fotográfico en liña).
Durante estas rebaixas combínanse distintos formatos de ofertas, que van dende as presentes durante 48 horas até promocións dispoñibles só por tempo limitado, que buscan principalmente que os usuarios estean pendentes da tenda en liña durante dous días seguidos para ver se atopan algún produto do seu interese e, en definitiva, potenciar o consumismo.
Aínda que estas ofertas aplícanse a marcas e produtos de todo tipo, resulta evidente que os propios produtos de Amazon son os máis potenciados, de aí que destaquen ofertas como o Fire TV Stick a 24,99 euros, os altofalantes Echo Dot, Echo, Echo Plus e Echo Show 5 a 29,99, 59,99, 99,99 e 59,99 euros respectivamente, o lector de libros electrónicos Kindle a só 69,99 euros (aínda que para moitos resultará máis atractivo o Kindle Paperwhite por 99,99 euros), as tabletas Fire a prezos moi axustados e numerosos produtos de seguridade para o fogar a prezos reducidos (buscando así potenciar a idea de fogar conectado que promove Amazon).
Algunhas marcas quixeron colaborar directamente coa celebracións do Prime Day, de aí que podemos ver a fabricantes de telefonía móbil como Xiaomi, Motorola, Huawei ou Samsung con ofertas específicas para esta campaña de descontos, polo que é unha boa oportunidade para adquirir dispositivos como o Samsung Galaxy M20 (con batería de 5.000 mAh), o Samsung Galaxy Note9 por 619 euros, o Galaxy S10 por 699 euros, o Huawei P30 por 399 euros, o Pocophone F1 por 229,99 euros ou o Motorola Z3 Play cun Moto Mod que incrementa a súa autonomía por 229 euros.
Moitas outras ofertas de tecnoloxía poden destacarse nestas horas, con ordenadores, consolas de videoxogos, cascos de realidade virtual, cámaras, tabletas, televisores, monitores... mentres que os produtos fóra de promoción contan como reclamo cun desconto de 5 euros para Pantry (a alternativa aos supermercados de Amazon).
Sen dúbida, un par de xornadas nas que o comercio electrónico someterase a unha grande proba de estrés, ante o elevado número de consultas de compradores buscando gangas e o grande volume de pedidos que terán que atender de xeito urxente en poucas horas.

PUBLICIDADE