A pasada noite, no que pode considerarse toda unha sorpresa (por adiantarse á rolda de prensa de presentación) abriu as súas portas a tenda virtual Amazon.es, o desembarco español da tenda máis grande do mundo, creada o 15 de xullo de 1995 por Jeff Bezos nos EE.UU., e que dende os seus primeiros días rexistraba bastantes pedidos dende España, polo que había moita expectación por un Amazon en España, xa que nos últimos anos tamén abrira establecementos electrónicos en Reino Unido, Francia e Alemaña.
Esta nova tenda vai revolucionar o comercio electrónico en España, non só polos seus prezos baixos, senón tamén pola súa excelente loxística, que virá apoiada polo programa de subscrición Amazon Premium, que permitirá que recibir os pedidos en 2-3 días pagando só 14,95 euros/ano (sen límite de envíos), coa posibilidade de poder garantir a entrega nun día pagando 2,99 euros/produto a península e Baleares. Os usuarios que non subscriban o programa terán pedidos ordinarios en 3-5 días por 2,99 euros/envío, en 2-3 días por 5,99 euros/envío e en 1 día por 8,99 euros/envío, coa excepción de compras de libros por importe de máis de 19 euros, que recibirán portes de balde no envío estándar de 3 a 5 días, o que supón unha grande vantaxe para moitos lectores que tiñan que agardar semanas para facerse con algún texto ou pagar uns gastos de envío abusivos como os de La Casa del Libro.

Entre as vantaxes de contar con Amazon en España está o feito de que a compañía conta cun centro de atención ao cliente de seu, que atenden en español, e coa calidade propia da compañía.
O lanzamento de Amazon en España aínda é parcial, pois limítase á venda de produtos físicos, de xeito que os servizos dixitais de libros, música, cine e series de televisión aínda non están dispoñibles, o que podería mudar nos vindeiros meses, pois hai rumores de que a plataforma Kindle botará a andar en España antes de rematar o presente ano (dos servizos audiovisuais aínda non se realizou ningún anuncio).
Amazon estrea tenda en liña en España
Compartir Este Artigo
