Amazon merca iRobot

venres, 5 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Amazon anunciou hoxe o peche dun acordo para a adquisición de iRobot, compañía creadora dos célebres robots aspiradora da serie Roomba, nacida en 2002, e que conseguiu converterse no grande referente desta categoría de produtos de electrónica de consumo.
Amazon mercará iRobot por 61 dólares por acción nunha operación en efectivo valorada aproximadamente en 1.700 millóns de dólares, incluíndo a débeda neta de iRobot, empresa que non estaba a pasar un dos seus mellores momentos, xa que rexistrara perdas no seu último trimestre, o que parece inevitable ante o incremento da competencia no seu sector nos últimos anos.
Haberá que ver que intencións ten Amazon con esta operación, pois tanto pode limitarse a comercializar mellor os produtos da marca ou realizar unha aposta seria pola robótica para o fogar.

PUBLICIDADE