Amazon presenta unha solución de entrega de paquetes baseada en drones

luns, 2 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Durante a xornada de hoxe, Amazon sorprendeu ao mundo cun proxecto dos seu laboratorios de I+D, que sería a evolución do seu servizo de premium de entregas, que respondería ao nome de Amazon Prime Air e que consistiría nunha solución de envío de paquetes que podería achegar os pedidos aos clientes en só 30 minutos empregando vehículos aéreos non tripulados (drones).
Polo momento estamos ante un simple vídeo de demostración no que podemos ver como un octocóptero traslada un paquete ata a entrada dun domicilio, o que aínda dista moito de poder ofrecerse na práctica, en boa medida porque a operación dos vehículos aéreos non tripulados aínda debe regularse, especialmente no que respecta á seguridade pública, de xeito que é de agardar que nos vindeiros anos se traballe seriamente para pór medidas que fagan que os drones non sexa un perigo para os peóns, e o tráfico dos nosos ceos a baixa altura tamén estea ordenado dalgún xeito.
Temos así que polo momento este proxecto queda nunha curiosidade (que de converterse en realidade, tardará anos en chegar), publicada por Amazon a poucas horas do comezo do Cyber Monday, un día de rebaixas moi importante na Rede, polo que podemos entender que estamos ante un xeito de captar a atención dos consumidores no momento máis axeitado.


Vídeo de presentación de Amazon Prime Air


En Australia existe un proxecto semellante ao de Amazon, que pretende distribuír libros en aluguer o ano que vén

PUBLICIDADE