Amazon renova os seus lectores de libros electrónicos

mércores, 16 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Amazon está a renovar a súa gama de lectores de libros electrónicos, o que supón a actualización do Kindle básico, o Kindle Paperwhite e o Kindle Scribe, a desaparición do Kindle Oasis e o nacemento do primeiro dispositivo desta familia con pantalla en cor, o Kindle Colorsoft, que co seu nome xa quere deixar claro que esta tecnoloxía non compite coas pantallas das tabletas (pois segue a empregar tecnoloxía de tinta electrónica).
O Kindle básico está xa dispoñible a un prezo de 119,99 euros con 16 GB de capacidade, pantalla de 6 polgadas con iluminación frontal axustable un 25% máis potente que o modelo anterior, un peso de só 158 gramos e autonomía para até 6 semanas cunha única carga, polo que segue a ser un produto recomendable para moitos lectores.
Nesta ocasión, aparte do tradicional acabado en negro, tamén poderá adquirirse en cor verde matcha.
Máis interesante é a actualización do Kindle Paperwhite, que incrementa a súa pantalla de 6,8 a 7 polgadas (sen incrementar o seu tamaño exterior), mellora o seu contraste e mellora a velocidade de refresco de pantalla un 25%. Aseguran que a súa batería pode durar até 12 semanas cunha única carga. Tamén ten resistencia IPX8, polo que podería soportar inmersións accidentais en auga doce a unha profundidade de 2 metros durante 60 minutos. Está xa dispoñible por 169,99 euros con 16 GB de almacenamento no seu modelo con publicidade (eliminar a publicidade incrementa o prezo en 10 euros).
Para o 12 de decembro teremos, a un prezo que parte dos 429,99 euros, o novo Kindle Scribe, un dispositivo a medio camiño entre eReader e tableta, xa que a súa pantalla de 10,2 polgadas non só é apta para ler comodamente, senón que tamén permite escribir e debuxar dun lapis dixitalizador, para así tomar anotacións en documentos ou poder escribir como se fose un caderno tradicional, destacando con esta revisión a súa emulación da sensación de escritura en papel.
Pero o produto máis rechamante dos presentados hoxe é, sen dúbida, o Kindle Colorsoft Signatura Edition, que estará dispoñible a partir do 30 de outubro por 299,99 euros na súa versión con 32 GB de almacenamento, e que presenta unha pantalla de tinta electrónica de 7 polgadas con capacidades de cor, aínda que cunha gama cromática bastante apagada (que pode lembrar ás cores nos xornais).
O uso das cores neste novo dispositivo pode resultar agradable para a visualización das cubertas dos libros, para algúns contidos con elementos gráficos coloridos e para poder subliñar en distintas cores. Cómpre salientar que aínda que a resolución da pantalla é de 300 puntos por polgada en branco e negro, no caso da cor a resolución queda en só 150 puntos por polgada, polo que resulta evidente que non pode compararse con tabletas e outros tipos de pantalla á hora de reproducir, por exemplo, fotografías.
Tamén conta con resistencia IPX8 e a súa batería promete até 8 semanas de autonomía cunha única carga. Tamén é posible recargalo mediante unha base de carga sen fíos que se vende por separado a un prezo oficial de 39,99 euros.
Pode sorprender que o Kindle Oasis non se actualizase, pois o seu deseño asimétrico resultaba moi cómodo, pero o seu prezo elevado e o feito de que o Kindle Paperwhite conseguise igualar o seu tamaño de pantalla provocou que quedase sen un lugar no novo catálogo de lectores de libros electrónicos de Amazon. No momento de escribir estas liñas en Amazon só quedan unidades dispoñibles da súa versión máis cara, o que parece a antesala da súa desaparición definitiva.