Ameazan con filtrar á Rede o novo filme de Piratas do Caribe

martes, 16 de maio do 2017 Marcus Fernández

Hai unhas poucas semanas filtráronse á Rede os 10 primeiros episodios da vindeira tempada de Orange is the New Black despois de que Netflix rexeitase someterse á extorsión dun grupo que supostamente roubou varias series de televisión e películas, e que coa publicación dos capítulos en redes de intercambio de ficheiros estarían a facer unha demostración de forza; e agora sábese que é a propia Disney a que está a enfrontarse a unha extorsión semellante, xa que coméntase que chegou a mans dos piratas unha copia de Piratas do Caribe 5: A Vinganza de Salazar, de xeito que de non recibir un rescate en bitcoin publicarían a produción de balde na Internet.
Polo momento non se confirmou se realmente é o novo filme de Johnny Depp o que ve ameazada a súa estrea por mor dunha filtración, e dende Disney aseguran que non pagarán o rescate e están a traballar co FBI para tomar medidas contra a ameaza de publicar o filme en fragmentos.

PUBLICIDADE