Anabelle Gutiérrez, nova directora executiva de Redegal en México

mércores, 27 de xullo do 2016 Redacción

Redegal segue sendo fonte de novas relevantes, tecnolóxicas e/o empresariais, moitas delas relativas á outra beira do Atlántico. Se recentemente falamos en Código Cero da impecábel traxectoria da empresa galega en países como México (onde é a xa a principal axencia dixital), agora damos conta doutra novidade relativa á actividade da axencia neste país e que se traduce nun fortalecemento da súa aventura nel. Segundo informa Redegal, a división mexicana da firma galega conta cunha nova directora executiva (CEO). Falamos de Anabelle Gutiérrez, licenciada en Mercadotecnia pola Universidade de Anáhuac e posuidora dunha dilatada traxectoria no sector do márketing dixital e a publicidade, con máis de 9 anos ás súas costas traballando en axencias multinacionais e empresas de primeiro nivel.
Para Redegal, non hai dúbida de que a chegada da nova directiva prodúcese “nun ano que foi sen dúbida o do afianzamento definitivo do noso crecemento no país mexicano e no que fomos premiados como Mellor Axencia Dixital de Captación de Tráfico dentro do eShow”. E engade: “A experiencia de Anabelle en mercadotecnia, publicidade, estratexia comercial e administración de proxectos dixitais no panorama internacional convértea nun valor seguro para a nosa andaina en México”.
Entre os obxectivos de Anabelle Gutiérrez figuran, en primeira instancia, “o de seguir traballando para que Redegal México sexa a mellor axencia de desenvolvemento de comercio electrónico” e, tamén, o de conseguir que “sexa recoñecida como tal na industria, tanto que mellor talento en México queira traballar connosco e que de cara ao cliente Redegal sexa sinónimo de máis vendas”. Ao seu xuízo, o maior reto das empresas dentro do mercado mexicano é un reto de tipo interno: lograr proxectos rendíbeis en tempo, forma e calidade, con clientes felices.

PUBLICIDADE