Os pagamentos co móbil está a coller un grande pulo en España, e tras a chegada de Apple Pay e Samsung Pay faltaba un terceiro axente para completar a nosa oferta de pagamentos móbiles sen contacto, Android Pay, que hoxe mesmo inicia a súa andaina da man do BBVA, entidade bancaria que permite o uso das súas tarxetas de crédito e débito de Mastercard e Visa.
Android Pay funciona en máis dun millón de tendas en toda España, pois é compatible cos sistemas de pagamento sen contacto, de xeito que podemos empregalo en establecementos como El Corte Inglés, VIPS, Zara, Fnac, Media Markt, Repsol… e para poder empregar Android Pay chega con instalar a súa aplicación no noso smartphone (con sistema operativo Android) e engadir a nosa tarxeta bancaria.
Para despois empregar Android Pay chegará con que a pantalla do smartphone estea acendida e achegar o teléfono ao terminal de pagamento. Rematada a compra recibirase información da transacción no móbil, facilitando así un control dos recibos e as compras.
Pero Android Pay non permitirá só empregar as tarxetas bancarias para pagar en establecementos físicos, senón que tamén é compatible con plataformas en liña como Deliveroo, Vueling ou Zara (e, en breve, Just Eat) que integran un botón de Android Pay, de xeito que os establecementos electrónicos non reciben o noso número de tarxeta bancaria, fornecendo unha maior seguridade aos nosos pagamentos.
Para poder empregar Android Pay chega con que teñamos un teléfono con Android 4.4 ou superior con tecnoloxía NFC, de xeito que é unha solución aberta a un impresionante número de dispositivos (fronte a Samsung Pay, que está limitado a uns poucos dispositivos de alta gama).
Android Pay estréase en España
Compartir Este Artigo
