Ángel López Oriona, investigador do CITIC, premiado na IFCS 2022
mércores, 3 de agosto do 2022
O
investigador
do CITIC Ángel López Oriona foi premiado na 17th Conference of
the International Federation of Classification Societies (IFCS
2022), celebrada do 19 ao 23 de xullo en Porto (Portugal), polo
seu traballo Unsupervised classification of categorical time
series through innovative distances, que desenvolveu xunto co
investigador do CITIC José Antonio Vilar e o profesor da
Universidade de Roma A Sapienza, Pierpaolo D’Urso.
O
premio que recibiu é o Student/Postdoctoral Fellow Paper
Competition and Travel Award e concédese a un/ha investigador/a
menor de 30 anos que presenta como primeiro/a autor/a un traballo
orixinal en ámbitos como o clustering ou a clasificación, e
que o IFCS valora segundo a orixinalidade e impacto da investigación,
calidade da publicación e innovación.
Así,
no traballo propóñense dous algoritmos de clustering
innovadores que permiten formar grupos de series de tempo categóricas
dunha maneira moi eficaz. En particular, os métodos presentados
móstranse moi útiles cando son aplicados sobre bases de datos de
secuencias de ADN, pois son capaces de agrupar, cunha gran
exactitude, secuencias de organismos que teñen a mesma orixe desde
un punto de vista evolutivo. “Por tanto, o traballo ten unha gran
aplicabilidade no eido da xenética”, salientan dende o Centro de
Investigación TIC da Universidade da Coruña.
IFCS
2022 é unha organización conxunta da Asociación Portuguesa de
Clasificación e Análise de Datos (CLAD) e a Facultade de Economía
da Universidade do Porto (FEP-UP). Nesta décimo sétima edición, a
estatística e a Intelixencia Artificial foron os temas
protagonistas, e en particular, o desenvolvemento de algoritmos de
clustering e clasificación para datos complexos (series
temporais, datos funcionais, etc.).