Ante a alarma sanitaria, as operadoras aconsellan saturar as redes o menos posíbel

luns, 16 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Con motivo do arranque das medidas de confinamento que implica o estado xeral de alarma e a necesidade de frear o espallamento do COVID-19, as operadoras de telecomunicacións veñen de lanzar un comunicado conxunto no que achegan unha serie de consellos para estes días de teletraballos, teleformacións e, en xeral, operacións tradicionalmente ligadas ao ámbito presencial envorcadas agora no ámbito online. No comunicado, as compañías asinantes (Movistar, Orange, Vodafone, Grupo Masmovil e Grupo Euskaltel, do que forma parte a galega R) solicitan á cidadanía “un uso racional e responsábel das redes” para afrontar os inevitábeis incrementos do tráfico. Unhas subas que, en termos xerais, están a ser do 40% nas redes IP, do 50% no uso de móbil (voz) e do 25% nos datos.
Conclusión: debemos centrarnos no verdadeiramente importante na nosa actividade comunicativa e reducir todo o que non o sexa.
Así mesmo, as operadoras lembran que o tráfico das ferramentas de mensaxes instantáneas como WhatsApp multiplicouse por 5 nos últimos días.
As compañías recordan que se ben dispoñen de equipos críticos velando polo funcionamento da rede 24 horas 7 días á semana, e que “se están a tomar medidas de reforzo das súas redes semellantes ás que se aplican, por exemplo, nas zonas costeiras no verán”, cómpre dar prioridade ás tarefas máis relevantes e, tamén, manter unha serie de pautas saudábeis para a rede, como dar prioridade ao acceso a Internet para o teletraballo ou a teleformación ou reservar o uso do streaming de vídeo ou gaming para as horas de menos tráficos. Estas pautas, sinalan, “axudarán a manter a calidade do servizo neste nova etapa de illamento a nivel estatal”.
En termos máis concretos, o manifesto inclúe estes pasos a seguir:
· Cómpre descargar só os documentos ou arquivos que de verdade precisemos, e se poden agardar, facelo pola noite ou nas horas con menos concorrencia de tráfico (entre as dúas e as catro da tarde entre as oito da tarde e as oito da mañá).
· É preciso que, “sempre que sexa posíbel”, non enviemos ficheiros de peso. É mellor centrarnos en enviar ligazóns ou rutas cara a onde estean almacenados. E, se é imprescindíbel, envialos comprimidos ou cun formato que pese menos (por exemplo de PPT a PDF).
· Hai que usar ferramentas como Teams ou Slack.
· Evitar correos masivos.
· Usar o teléfono fixo no canto do móbil para realizar chamadas cando sexa posíbel.
· Optimizar o tráfico para o que sexa necesario (correo electrónico, traballo en remoto, conferencias, aplicacións escolares e de educación, acceso á información) e deixar o menos importante para as horas de menos tráfico (ferramentas de lecer, videoxogos, streaming, reprodución de vídeo en directo, etc).
A situación de España
No comunicado lémbrase que “España é o primeiro país europeo e o terceiro do mundo en dotación de infraestruturas de fibra óptica e conta tamén cunha das mellores redes móbiles de Europa”, e é precisamente esa rede, “construída polos operadores con esforzo e investimentos millonarios, a que está a permitir o funcionamento óptimo das comunicacións dixitais, facendo así máis levadío o illamento no profesional e tamén no persoal”. As operadoras recordan, a respecto do devandito, que “un uso racional e responsábel das redes permitiranos a todos, provedores do servizo, empresas e particulares, asegurar que disporemos dunha comunicación de calidade de forma sustentábel no tempo, ante un escenario de intensificación do traballo e a escolarización en remoto que pode prolongarse varias semanas”.

PUBLICIDADE