Antonio Rodríguez del Corral, reelixido presidente do Clúster TIC Galicia
venres, 22 de decembro do 2023
Antonio
Rodríguez del Corral resultou reelixido presidente do Clúster TIC
de Galicia, en representación da empresa Cinfo, ao liderar a
única candidatura presentada ás eleccións do organismo empresarial
da nosa terra. Os comicios celebráronse este xoves 21 de decembro
durante unha asemblea extraordinaria na que tamén se escolleu o
Comité de Dirección (CODI). A nova directiva será unha directiva
de continuidade respecto das liñas de actuación marcadas.
Constituirá o último mandado de Rodríguez del Corral á fronte do
Clúster TIC.
Así,
mantense o 80% dos dezaseis membros pertencentes ao CODI saínte,
resultando electas no apartado de grandes empresas TIC: Altia, Bahía,
Imatia, NTT Data, R Cable, Satec, Plexus e Serviguide, e no apartado
de pequenas empresas TIC: APDTIC, Bimbio, CPEIG, DataSpartan, Dos
Espacios, Itelsis, Librebit e Visual Publinet.
Antonio
Rodríguez del Corral comentou que o Comité de Dirección está
“aberto á participación de todos os socios”, que poderán
aportar as súas iniciativas ou opinións e participar nas diferentes
áreas de traballo, de forma presencial ou telemática, coma na
anterior etapa. “No CODI seguimos necesitando mans que se animen a
liderar e supervisar proxectos, ben sexan membros electos ou non”,
afirmou del Corral. Neste sentido, lembrou a “revitalización”
neste ciclo dos grupos de traballo de Talento e formación,
Internacionalización, Intelixencia artificial, Patrimonio dixital,
Software de xestión e Comercio e turismo.
O
pasado período concluíu coa inauguración en outubro do Centro de
Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC, “un edificio aberto a
todos os socios, non só aos que dispoñen de oficinas”, lembrou o
novo presidente, engadindo que “os socios poden utilizar distintos
espazos para xuntanzas e eventos, a zona de showroom e
demostracións, así como facer uso dos tres laboratorios de
innovación e outros servizos”. Entre os fitos recentes do Clúster
tamén se atopa a apertura, en maio de 2022, de Galicia TurisTIC, un
espazo demostrativo de tecnoloxía para a dixitalización do sector
turístico. “Ambos son proxectos tractores do Clúster cun altísimo
potencial”, apuntou o presidente.
Tamén
se fixo un importante esforzo pola xeración de talento tecnolóxico
adaptado aos perfís que demanda o sector coa aposta en marcha dun
programa formativo, en colaboración coa Consellería de Promoción
do Emprego e Igualdade en 2022 e 2023. A través deste convenio, o
Clúster impartiu 266 cursos a máis de 5.350 alumnos. Este programa
continuará en 2024 con novas formacións axustadas ás necesidades
de talento das empresas socias.
Ademais,
lanzouse a primeira edición do programa Tech Angels, unha iniciativa
impulsada polo Clúster TIC co apoio da AMTEGA e o IGAPE para poñer
en contacto a emprendedores e startups con socios da entidade
para impulsar os seus negocios a través da incorporación de
tecnoloxías complexas. A convocatoria pechouse o pasado 15 de
decembro e actualmente atópase en proceso de revisión dos proxectos
presentados, que se darán a coñecer no vindeiro mes de xaneiro.
Nesta
nova etapa, Rodríguez del Corral e o seu novo equipo, avogan por
aproveitar as liñas de traballo xa consolidadas para “dar ao
Clúster un novo pulo”, materializando un programa ambicioso
centrado en afianzar o sector das TIC como referente en Galicia.
“Cremos que neste novo ciclo podemos dispoñer dun Plan Industrial
das TIC de Galicia, xa que somos un dos sectores clave para o futuro
da comunidade”, sinalou o presidente do Clúster TIC Galicia, quen
engadiu: “Somos un referente empresarial de consulta de órganos
autonómicos para a toma de decisións relacionadas coas TIC, xeramos
emprego de calidade e, con apoio, podemos xerar moitos máis postos
de traballo”. Con este obxectivo, impulsarase a colaboración
público-privada a través de entidades como o laboratorio de ideas
Impulsa Galicia, co que o Clúster TIC Galicia acordou traballar na
identificación de oportunidades para promover proxectos innovadores
na comunidade, ou o plan Stellae 5.0 para a universalización e a
preservación do patrimonio cultural, especialmente o vinculado ao
Camiño de Santiago, a través da súa dixitalización.
Actualmente,
o Clúster TIC Galicia está conformado por 136 socios, entre grandes
empresas (24), pequenas empresas (108) e centros tecnolóxicos,
colexios e asociacións profesionais (4), que supoñen unha
facturación conxunta de máis de mil millóns de euros e ao redor de
13.000 traballadores.