Anuncian a relación de páxinas web que estrearán dominio .gal o vindeiro venres
martes, 22 de xullo do 2014
A Asociación PuntoGal presentou este martes os 93
seleccionados para o seu Programa Pioneiros nun acto que tivo lugar no Museo do
Pobo Galego en Santiago de Compostela. As empresas, administracións, fundacións
e asociacións que figuran na lista anexa serán as primeiras en poder activar un
enderezo co .gal a partir do día 25 de xullo.
O número de
solicitudes presentadas ao programa Pioneiros,134, superou amplamente as
prazas dispoñibles. A Asociación seleccionou aos 93 pioneiros segundo criterios
de representatividade na sociedade, en función da contribución ofrecida ao
lanzamento do .gal e garantindo que todos os sectores sociais estean
representados. Das candidaturas recibidas, 39 foron administracións
públicas, 32 empresas e 63 para asociacións. Seleccionáronse 93 coa seguinte
distribución: 35 para administracións públicas, 15 para empresas e 43 para
entidades sen ánimo de lucro. A Asociación quere agradecer o interese de todos
os candidatos que, coa súa proposta, demostraron o compromiso que existe en
todos os sectores da sociedade para que Galicia teña un identificador de seu na
Rede. Os nomes pioneiros poderán activarse dende o vindeiro venres, data
elixida por PuntoGal pola súa especial significación no país, unha vez resoltos
os requisitos da posta en marcha para cada un deles, indicados na convocatoria.
O .gal aumentará o tráfico e os ingresos das páxinas galegas
O presidente da
Asociación PuntoGal, Manuel González, detallou as vantaxes económicas, técnicas
e simbólicas que aportará ao país dispor dun identificador de máximo nivel.
González salientou no seu discurso que “os participantes neste programa son
pioneiros de algo tan importante como que neste medio revolucionario que
condiciona as nosas vidas Galicia teña un carné de identidade, que a lingua galega
teña visibilidade”.
González tamén
lembrou que dende o 1 de xuño PuntoGal mantivo numerosas reunións con empresas,
administracións e asociacións para explicarlles a importancia do .gal e
animalos a participar nos pioneiros. Grazas a esta labor logrouse, por exemplo,
que o Parlamento de Galicia aprobase por unanimidade unha resolución de apoio
ao dominio na que a Cámara pide explícitamente a todas as institucións que se
sumen ao .gal . Ademais, a directiva de .gal mantivo encontros con, entre
outros, o Valedor do Pobo, a Real Academia Galega todas as forzas políticas do
hemiciclo, medios de comunicación, a Mesa pola Normalización ou a Asociación
ProLíngua.
De Lorenzo, nova directora, explica as seguintes fases do lanzamento
- Edita de Lorenzo será a primeira Directora Xeral da Asociación PuntoGal
O acto no Museo do
Pobo serviu tamén para que PuntoGal anunciase o nomeamento da súa primeira
directora xeral. Nunha recente xuntanza da dirección do organismo na que, entre
outras cuestións, se aprobou o regulamento de funcionamento do mesmo, acordouse
por unaminidade nomear para este posto a Edita de Lorenzo. Directora da Escola
de Enxeñaría de Telecomunicación (ETSE) na Universidade de Vigo, De Lorenzo é
profesora titular do departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións dende
1998. Esta ourensá, enxeñeira de Telecomunicación e doutora pola Universidade
de Vigo, forma parte da directiva de Coditel (Conferencia de Directores de
Enxeñería de Telecomunicación), do COETG-AETG (Colexio Oficial/Asociación de
Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia) e é vogal da Unidade de Muller e
Ciencia de Galicia dende 2011. Foi co fundadora da sección española do WIE
(Women in Engineering), capítulo do IEEE (Institute of Electrical and
Electronic Engineering).
A nova directora
xeral destacou o apoio económico realizado polos pioneiros, pois a súa aportación
é a única fonte de ingresos actual de PuntoGal. O obxectivo da Asociación é que
o .gal se autofinancie e reinvista os posíbeis beneficios na sociedade galega.
A doutora de Lorenzo deu as grazas a todos os que contribuíron ao lanzamento do
novo identificador, especialmente aos que farán visible o dominio activándoo a
partir do 25 de xullo.
Seis pioneiros terán que esperar un pouco máis
A directora xeral tamén sinalou que dos 93 pioneiros seleccionados, 6 están incluídos nunha lista da ICANN (o organismo que goberna as direccións da Internet) de millóns de enderezos de todos os novos dominios que non se poderán activar agora. É dicir; r.gal, cultur.gal, xunta.gal, crtvg.gal, ccoo.gal e socialistas.gal están xa rexistrados a nome desas organizacións; pero tecnicamente non poderán entrar en funcionamento o 25 de xullo, como si poderán o resto de pioneiros. O motivo é que ICANN estableceu que 9,8 millóns de enderezos de novos dominios necesitan salvagardas especiais para evitar confusións entre a Internet e as intranets. Esta lista (chamada por ICANN name collision) afecta a todos os novos identificadores, non só ao .gal. Estes nomes entrarán en funcionamento en canto ICANN determine o seu procedemento de activación.
Abrente e Carreira: en paralelo dende setembro até novembro
Edita de Lorenzo
tamén explicou as seguintes fases do lanzamento. Completados os Pioneiros, a
seguinte fase, bautizada como Abrente, comezará en setembro, durará até
novembro e busca protexer dominios de interese público. No Abrente as entidades
públicas e privadas poderán exercer o seu dereito preferente de solicitar o seu
dominio actual. Búscase así protexer os intereses de colectivos como
propietarios de marcas, administracións públicas, marcas internacionais protexidas
de acordo as normas da ICANN (o organismo que goberna os enderezos da
Internet), etc. Cómpre lembrar que unha das finalidades do puntoGAL é que as
empresas e institucións poidan presentar as súas marcas, produtos e servizos
dunha maneira máis próxima aos galegos.
Paralelamente ao
Abrente, haberá unha Carreira para o público en xeral para os enderezos que non
teñan dereitos preferentes. Durante a Carreira poderase poxar por enderezos
especialmente atractivos.
Fase Aberta: o dominio para todos en decembro
E finalmente, en
decembro, chegará a Fase Aberta, na que todo o público poderá acceder ao
dominio .gal sen máis restricións, como sucede como calquera dos dominos que
levan tempo na Rede.
As características
concretas de cada fase serán publicadas na páxina
web dominio.gal con suficiente antelación. Ademais, a través desta páxina
indicarase a fórmula para consultar e resolver dúbidas.
Os motivos para
organizar o lanzamento en diferentes fases -como fan todos os novos dominios-
son: garantir a estabilidade técnica do .gal, cumprir as normas establecidas
por ICANN e asegurar un lanzamento ordenado, que protexa os dereitos públicos e
privados.
Relación de dominios (por orde alfabética) que se activarán o 25 de xullo dentro do Programa Pioneiros .gal.