Apple Maps estrea versión web

mércores, 24 de xullo do 2024 Marcus Fernández

A aplicación de mapas de Apple estrea hoxe en beta pública a súa versión web, de xeito que dende calquera navegador web é posible consultar agora Apple Maps para localizar lugares ou trazar percorridos, detallándose que nos vindeiros meses tamén contará coa función que permite explorar os espazos a pé de rúa como fai a tecnoloxía de Google Street View.
A nova ferramenta web, dispoñible polo momento só en inglés e coas distancias medidas en millas, pode resultar de grande utilidade para desenvolvedores de solucións orientadas ao ecosistema de Apple.
A versión web de Apple Maps funciona en Safari e Chrome para Mac e iPad, así como en Chrome e Edge para Windows, pero no caso español segue a ser unha ferramenta moi pouco práctica, xa que a información relativa a establecementos comerciais é moi deficiente, con locais mal situados e coa información sobre os mesmos sen actualizar.
Nunha mirada rápida podemos ver como en Apple Maps aparecen locais que pecharon hai anos, outros establecementos figuran no mapa en rúas distintas ás que indica a súa ficha, e incluso podemos ver locais distintos co mesmo enderezo marcados en dous edificios diferentes (ignorando detalles como a paridade nos distintos lados da rúa). Sobre esta base é bastante difícil que Apple poida competir con Google, pois o importante neste tipo de servizo é ofrecer información rápida e fiable, e poucas persoas se arriscarán a fiarse das indicacións dunha aplicación que leva anos mellorando moito tecnicamente, pero sen resultar relevante dabondo como para que os negocios se preocupen sobre como aparecen reflectidos.