A semana pasada Spotify iniciou unha promoción que durará ata o 27 de xuño a través da que facilita a contratación de subscricións Premium durante 3 meses por só 0,99 euros, o que facilita a posibilidade de escoitar música sen publicidade, escoitar as cancións ao instante, permite saltos de tema ilimitados e incluso deixa descargar temas no móbil para poder reproducilos cando non teñamos acceso á Rede. A tarifa Premium custa normalmente 9,99 euros/mes, e coa presente oferta búscase que os usuarios gocen no verán das bondades do servizo, para animalos así a contratalo de xeito regular, en vez de conformarse coa oferta de balde de Spotify.
Curiosamente dende Apple facilitaban a posibilidade de contratar o servizo de Apple Music en probas durante 3 meses, pero agora en mercados como o español cobran 0,99 euros polos 3 primeiros meses do servizo (tras o que pasará a cobrarse a súa tarifa habitual), no que parece unha harmonización de prezos que contribuirá a que Apple non teña que asumir os custos dos períodos de proba.
Cómpre lembrar que inicialmente Apple non pretendía compensar aos artistas polo período de probas de Apple Music, pero finalmente cedeu ante as presións que os afectados exerceron ante a posibilidade de atoparse cunha forte redución de ingresos durante os tres meses seguintes ao lanzamento do servizo de streaming musical de Apple.
Apple Music cobrará por probar o seu servizo
Compartir Este Artigo
