Apple Pay podería chegar a España mañá
mércores, 30 de novembro do 2016
- Nos últimos meses comentábase que Apple Pay podería chegar a España da man de American Express
Dende Apple aseguran dende hai meses que este ano estrearían
o seu servizo de pagamentos móbiles en España, o que levou a rumores que
apuntaban que, ante atrancos postos polas entidades de banca tradicionais, a
estrea de Apple Pay chegaría
directamente a través de American Express, pero finalmente non é así, estando
previsto que mañá mesmo comece
a operar o sistema de pagamentos a través de móbiles de Apple para clientes do
Banco Santander.
O Santander xa empregaba Apple Pay en Reino Unido dende o pasado verán, polo
que o feito de que mañá previsiblemente anuncien o seu lanzamento en España non
debería ser unha grande sorpresa, pero si supón unha ledicia para usuarios de
produtos de Apple, que vían como mes tras mes quedaban relevados dunha
tecnoloxía que estaba a popularizarse entre usuario doutros terminais e que xa
leva presente en varias xeracións de produtos da compañía da mazá.
Actualmente Apple Pay non é só un sistema de pagamentos que permite completar
unha transacción simplemente achegando o smartphone a un TPV, senón que foi
evolucionando para permitir que a operación poida realizarse de xeito aínda
máis cómodo cun Apple Watch e incluso está a espallarse a aplicacións móbiles e
páxinas web, de xeito que cada vez son máis os produtos e servizos que poden
aboarse con Apple Pay.
Como grande vantaxe para o espallamento deste sistema de pagamentos temos que a
súa principal esixencia, que os TPV empregados polos locais físicos conten con
tecnoloxía NFC, cúmprese en España dende hai bastante tempo, de xeito que non
hai que facer unha adaptación dos sistemas actuais, senón que só faltaba a
comunicación lóxica entre a plataforma de Apple e as entidades bancarias
locais. De feito, os usuarios estranxeiros de Apple Pay poden usar con
normalidade o servizo en España dende o seu lanzamento.
- O pagamento a través do móbil pode resultar especialmente práctico para, por exemplo, pagar no transporte público, como fan nalgúns países