Apple anuncia a marcha do seu director de Operacións

mércores, 9 de xullo do 2025 Redacción

Apple vén de anunciar que Jeff Williams deixará o seu cargo como director de Operacións (COO) a finais deste mes, nun relevo que formaba parte dun plan de sucesión a longo prazo. O seu posto será asumido por Sabih Khan, actual vicepresidente sénior de Operacións, quen leva tres décadas na compañía.
Williams continuará traballando en Apple durante uns meses máis, reportando directamente ao director xeral, Tim Cook, e supervisando o equipo de deseño e as iniciativas relacionadas co Apple Watch e a saúde. Cando se produza a súa retirada definitiva, o equipo de deseño pasará a depender directamente de Cook.
Jeff Williams despídese tras 27 anos en Apple e máis de 40 na industria tecnolóxica. Durante este tempo tivo un papel clave no lanzamento de produtos icónicos como o iPod e o iPhone, e liderou a introdución do Apple Watch así como a estratexia de saúde da compañía.
Estes cambios dentro de Apple reavivan as incógnitas sobre a sucesión de Tim Cook á fronte da compañía e as dúbidas sobre onde recae a responsabilidade do deseño, pois dende a marcha de Jony Ive non hai unha figura pública ou recoñecida que marque o rumbo creativo da compañía da mazá.