Apple podería expulsar a aplicación Parler da súa tenda de aplicacións

venres, 8 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Nos últimos días Twitter, Facebook, Instagram, SnapChat e incluso TikTok bloquearon ao presidente dos EE.UU. nas súas plataformas ante a escalada de violencia que provocou coas súas declaracións, pero iso non conseguiu acalar os discursos de odio nas redes sociais en boa medida porque continúan a existir plataformas irresponsables como Parler, que naceu precisamente para amparar aos discursos políticos que o resto de plataformas sociais consideraban inaceptables, non só polas ideoloxías que promove, senón pola proliferación de falsidades que poden chegar a traducirse en actos violentos no mundo real.
O feito de que estes días dende Parler estean a acubillar mensaxes incitando á violencia levou a que unha serie de usuarios se mobilizasen protestando ante as tendas de aplicacións de Google e Apple, queixas que foron atendidas, e aseguran que Apple deu un ultimatum a Parler dándolle 24 horas para reforzar a moderación dos seus contidos ou verá como a súa aplicación é expulsada da App Store.
Esta medida chega nun momento crítico, tanto polas revoltas que están a ter lugar nos EE.UU. como polo feito de que dende Parler estean a presumir de non censurar os contidos perigosos e considerar que non teñen ningunha responsabilidade das consecuencias diso, criterio que non comparten dende Apple, que nas propias normas da súa tenda de aplicación inclúen a prohibición de contidos perigosos. De feito, as propias normas de Parler irían na dirección contraria ás da App Store, polo que parece bastante probable que nas vindeiras horas a aplicación vaia dicir adeus, xa que os seus responsables dificilmente accederán a someterse a criterios como os de Apple, posto que a súa razón de ser é precisamente a oposición ás medidas de control que teñen o resto de plataformas sociais.

ACTUALIZACIÓN: Na tenda de aplicacións de Google resulta imposible atopar a aplicación Parler, ou sexa, que Google expulsou a aplicación por incumprir coas normas de Google Play.

PUBLICIDADE