Apple reforza a protección da privacidade dos seus usuarios con iOS 8

xoves, 18 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Á publicación da actualización a iOS 8 seguiulle unha carta aberta publicada por Tim Cook na páxina web de Apple para falar do compromiso da súa compañía coa privacidade dos usuarios, que pretendería evitar as reticencias que xurdiron tras a filtración de numerosas fotografías íntimas de celebridades extraídas de iCloud, para o que a empresa de Cupertino adoptaría unha nova política de seguridade na que permitiría o uso de verificación en dous pasos para protexer a informacións das contas de usuarios e de todos os datos almacenados en iCloud.
Cook incide no feito de que Apple non comercia cos datos dos usuarios (en clara alusión a Google) e incluso destaca que nunca colaboraron con ningún goberno para establecer portas traseiras nos seus produtos e servizos. Afirman que nunca permitiron o acceso a terceiros aos seus servidores e que nunca o farán, xa que están comprometidos coa protección da intimidade dos seus usuarios.
Resulta bastante rechamante esta postura de Apple, na que destacan que o seu compromiso cos usuarios está por diante das peticións de información dos gobernos, o que en boa media poden conseguir grazas ao deseño de iOS 8, xa que agora a información persoal como as fotografías, as mensaxes, o correo electrónico, os contactos, o historial de chamadas, o contido de iTunes, as notas e os recordatorios están protexidos mediante contrasinal de xeito que a propia Apple non pode acceder a tal información, o que impediríalle atender ás peticións deste tipo de informacións por parte de entidades gobernamentais.

PUBLICIDADE