Apple rexistra a súa primeira caída trimestral de ingresos dende 2016

venres, 3 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Apple presentou os seus resultados económicos do último trimestre de 2022, rexistrando uns ingresos de 117.154 millóns de dólares, o que supón un descenso do 5% fronte o mesmo período do ano pasado, poñendo fin á tendencia que situaba á compañía de Cupertino afastada das dificultades do mercado.
A evolución dos negocios de Apple mudou en función das distintas divisións, e así, mentres caeron os ingresos en produtos, medraron en servizos, aínda que a aposta polos servizos non conseguiu compensar a caída na venda de produtos, principalmente polas malas vendas que tiveron os novos iPhone (provocada tanto por problemas de subministro como polas poucas novidades dos iPhone 14), que teñen demasiado peso os resultados da compañía (son máis da metade dos ingresos).
Concretamente a caída interanual dos ingresos pola venda dos móbiles de Apple foi do 8,2%, mentres que os Mac caeron un 29% e os produtos wearables e outros accesorios caeron un 8,3%; en contraste os iPad medraron un 30% e os servizos un 6%. Vemos así como a tendencia baixista dos mercados dos móbiles e dos ordenadores persoais tamén afecta a Apple, o que tería que chegar nalgún momento, e precisamente por iso Apple leva anos apostando polos servizos (que superan actualmente os 20.000 millóns de dólares en ingresos) para conseguir manter un bo volume de ingresos a longo prazo.
En calquera caso, a caída de Apple é realmente moi suave, de xeito que polo momento non se prevén despedimentos masivos como si está a acontecer con outras grandes empresas tecnolóxicas.

PUBLICIDADE